Páxina anterior

LUAR NA LUBRE
Camiños da Fin da Terra

....

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]

5 comentarios deste disco . .....
www.luarnalubre.com

 

 

 

 

 

 

 

 

 

SE AS CIDADES SON LIBROS QUE SE ESCRIBEN COS PÉS, a historia de Galicia é unha sinfonía xurdida da vontade de Luar Na Lubre.



E aquí si cómpre explicarse, porque temos a fortuna de gozar dun dos colectivos musicais máis interesantes que poidamos soñar, capaces de espertar os personaxes que marcaron a identidade e o devir, e recuperar as paisaxes polas que transcorreu esta historia anterior a nós.



A fin de contas, hoxe non existe ningún galego que non se sinta filla ou fillo de Breogán e que non albisque o horizonte na mesma dirección e coa mesma paixón que Ith, aínda sabendo que as lendas populares poden ser ou non ser.



E se non, escoita!....O seu son empúrrate e mergúllate nas historias máis incribles acontecidas en terras galegas e na imaxinación das súas xentes: LUAR NA LUBRE...



E todo en décimas de segundo!!!....O Luar racha a terra e percíbese un ritmo xordo de percusión profunda que é o pandeiro do amigo que xa non está, é o son do dolmen, o antigo ritmo da semente transformada na espiga do eterno labrego neolítico que todos levamos dentro... A Lubre, bosque sacro que utilizaban para realizar os seus ritos.


E, na súa conxunción, un ritmo interminable, o ritmo do mar, das ondas e mareas, coa lúa a marcar o tempo e transformarse en pedra, a facerse onda nos círculos que o cruzan, aparecen entón os seus ocultos misterios para sempre. Entre o Luar Na Lubre, os círculos concéntricos marcan o ritmo das ondas e das mareas, o da pedra e o tempo, o da vida e a morte, rexurdindo o principio e fin da existencia a través do ritmo da auga esvarando sobre a pedra. E así, entre tanta aldrabada á vida, pasan lúas e máis lúas., mentres no plenilunio os homes dos castros succionan cervexa ritual, bailando cun só pé e lanzando aturuxos ao ar, mentres unha moura peitea os seus cabelos louros e unha serpe espera os nove bicos que abrirán o grande tesouro a aquel que saiba descifrar a mensaxe da lúa e teña a virilidade de pasar as probas sen caer no terror, ao tempo que, dende o alto, dedícalle o seu sorriso aos sete pitos de ouro.


É esta outra lenda da identidade cultural galega, sempre presente nos traballos de profundidade deste grupo coruñés, xurdido no 1986 e que sempre entendeu a música como un dos factores máis importantes para a afirmación do dereito á diferenza enriquecedora do pobo galego. E, engadindo influencias positivas e composicións propias , a identidade musical da súa terra aparece como un tesouro legado e enriquecido: a irmandade e relación entre os pobos celtas, o vello culto ao sol, a muller dona da fertilidade, raíña do mar e do ventre na novena onda, outra vez o mar e o pintor Urbano Lugrís, a emigración e o exilio americano, a responsabilidade do presente e a esperanza no futuro. Son temas case monográficos emprendidos por estes oito músicos verdadeiramente comprometidos coa súa Galicia ata límites insospeitados na arte da música deica as súas primeiras obras na entrada da época dos 90.



E, agora, a piques de despedir o dous mil sete, embárcanse noutra aventura musical apaixonante como é esta dos camiños da fin da terra, achegándonos as claves dos movementos que conforman a identidade galega, máis de unha ducia de cancións que aportan unha enorme sensación de mar, terra e beleza, de imaxes suxestivas e cómplices con eles mesmos, porque o feito de estaren situados nun dos confíns máis occidentais de Europa, marcou o comportamento das súas xentes e mantivo tradicións ancestrais.



Cancións como "Britonia" unha parte dos celtas bretóns expulsados das illas británicas chegaron ás costas galegas fundando o famoso bispado-provincia; "O son das augas", un xesto recoñecido ás augas que manan de fontes e montañas, dos ríos e ata do ceo; "A barca de pedra", un alalá moi antigo que narra como a Virxe chegou a terras de Muxía nunha barca de pedra; "Os Animais", o gran diluvio e a Arca que portaba animais e navegou e navegou ata embarrancarse nun monte da actual Noia, unha canción de orixe irlandesa; "María Soliña", un dos personaxes históricos femininos torturada pola inquisición e que significou un símbolo exemplar para o pobo; e entre outras cancións e pezas tradicionais, "Centeás", un sentido homenaxe ás conserveiras, redeiras, labregas e lavandeiras comunais, en definitiva, ás mulleres traballadoras dunha Galicia que muda a pasos axigantados.


Iñaki Peña
Director de "Trébede"
Radio 3 - RNE
.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

COLABORADORES



DIEGO ZECHARIES Contrabaixo "Os Animais"



ALFONSO MORAN Contrabaixo "Centeás", "Maria Soliña", "A fonte das Boliqueiras", "Danzando nos confíns", "Pousa", "Gerdundula"

 


RUBEN MONTES
Chekeré "Centeás", tambores Batá "Danzando nos confíns"

 

 

ANDREA SEKI
Arpa Celta "Canto de andar"

 

 

MIGUEL CABANA
Batería "Os Animais", tambores Batá "Danzando nos confíns"

 

FERNANDO VILLAR
Teclados "Canto de andar", "Ecos do Alén", "O Son das Augas", "A barca de pedra",
"Maria Soliña"

 

MIGUEL QUEIXAS
Tambores Batá "Danzando nos confíns"

 

WAFIR GIBRIL
Ud "Maria Soliña", "Meighallo"

 


Ricardo Seixo, Pachote, Pepe Campos, Daniel Alberto, Carlos Seixo, Rafa Seixo, Andrea Seixo, Sonia Seixo, Asun Seixo, Carmen Carballo
Coro "Maria Soliña", "Meighallo", "Pousa", "Os Animais"

 

 


1. OS ANIMAIS  
Tradicional-LNL-Xabier Cordal

Os animais foron subindo á arca ata que a terra quedou asolagada, a arca navegou e navegou ata que un bo día quedou embarrancada nun monte da actual Noia e alí Noé, a súa estirpe e todos os animais desembarcaron e celebraron unha grande festa, e así comezou todo...
Esta melodía é de orixe irlandés e coas emigracións foi a América onde foi adaptada como propia incluso variándoa con diferentes letras.
Esta é unha adaptación dunha das letras tradicionais e que ten unha posible orixe bíblica.


Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Van subindo á Arca de dous en dous
O boi, a vaca e o caracol
E soben cando chove e cando fai calor

Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Van subindo á nave de tres en tres
A garza farta e o cempés
Din adeus coa súa patiña, andando do revés

Os animais de catro en catro
u-ah!, u-ah!
Os animais de catro en catro
u-ah!, u-ah!
Van de catro en catro os animais
E o saltón saltou de máis
Quere pillalo un home que filma documentais

Os animais de cinco en cinco
u-ah!, u-ah!
Os animais de cinco en cinco
u-ah!, u-ah!
E se van marchando en procesión
O lince, a ovella e o leirón
Ao afundirse a Terra, acaba esta canción
Cando se afunda a Terra, acaba esta canción


2.  BRITONIA   
Bieito Romero-LNL

Cando os celtas bretóns tiveron que fuxir das illas británicas por mor das presións saxonas, uns foron cara a vella Armórica que posteriormente acabaría acadando o nome de Bretaña e outros virían á costa norte de Galicia onde fundarían un obispado-provincia chamado Britonia de grande influencia no antigo Reino galaico.


3. MARÍA SOLIÑA   
C.E.Ferreiro-Tradicional-Bieito Romero-LNL

Personaxe histórica que viviu na península do Morrazo no intre no que as invasións turcas e berberiscas máis asediaban esta zona, foi unha das moitas mulleres que fixo fronte a ditas invasións. Acusada de practicar bruxería pola Inquisición sería posteriormente presa e torturada, morreu de loucura fame e miseria pero converteuse nun símbolo do pobo, sobre todo para as mulleres, perante o poder despótico.

 

Polos camiños de Cangas
A voz do vento xemía:
Ai, que soliña quedaches,
María Soliña.

Nos areales de Cangas,
Muros de noite se erguían:
Ai, que soliña quedaches,
María Soliña.

As ondas do mar de Cangas
Acedos ecos traguían:
Ai, que soliña quedaches,
María Soliña.

As gaivotas sobre Cangas
Soños de medo tecían:
Ai, que soliña quedaches,
María Soliña.

Baixo os tellados de Cangas
Anda un terror de auga fría:
Ai, que soliña quedaches,
María Soliña.


4.- GERDUNDULA  
Manston/James-LNL

Tema adaptado da versión orixinal da banda británica Status Quo que nos pareceu perfecto para o noso tipo de instrumentación...

Love it seems I just can't find
Love it seems I just can't find
Seems that I'm the one love
The one love left behind

I've searched it just won't come my way
I've searched it just won't come my way
It's love that I want now
So what more can I say

Women seem to pass me by
Women seem to pass me by
If I could find the reason
I'd know the answer why

Love it seems I just can't find
Love it seems I just can't find
Seems that I'm the one love
The one love left behind


5.- CANTO DE ANDAR    
Bieito Romero-LNL

Canción inspirada nas antigas cantigas galaico-portuguesas e nas tradicións musicais bárdicas do Atlántico.
E seguiremos por sempre nas terras do alén camiñando cara o mar maior...

 

Amence paseniño nas terras do solpor
As brétemas esváense coas raiolas do sol

Meu amor, meu amor, imos cara o maior
Miña amada, meu ben, imos polas terras do alén


Acariña o silencio e escoita o corazón
Que moitos dos teus soños latexan ao seu son

É tempo de camiño andar e de non esquecer
Que o futuro que ha de vir é o que has de facer

E o sol vai silandeiro deitándose no mare
Facéndonos pequenos con tanta inmensidade


6. POUSA     
Tradicional-LNL



Cantiga popular das máis recoñecibles en calquera punto de Galicia, de novo gustamos de revisar as vellas melodías tradicionais e facerlles a nosa particular adaptación.

E todo o mundo a cantar!!!


Fun á taberna do meu compadre,
Fun polo vento e vin polo aire
É como cousa de encantamento
Fun polo aire e vin polo vento.

E pousa, pousa, pousa,
E non me toques naquela cousa
E pousa, pousa axiña,
E non me toques naquela cousiña.


Murmuraban as miñas veciñas
Que eu andaba co crego nas viñas
Eso é verdá, eu non o nego,
Que eu andiven a loitas co crego.

 


7. MEIGHALLO     
Tradicional-LNL

Tema en dúas partes de orixe tradicional, a primeira é unha cantiga secular procedente de Malpica (A Coruña) con cadencias moi particulares que a relacionan con certos aires do Magreb, e despois dunha ponte con ambiente claramente árabe, entra a segunda melodía que é unha danza procedente de Sta. María de Oirós (Pontevedra) que de novo nos trae á terra.

Salín de Corme con día
Anoiteceume en Carballo
Ás fillas da miña nora
Que lles quiten o meighallo

ai la le lo, ai la la lo

Por ir de noite caín na lama
Por unha nena que namoraba
Foi pola noite, se vou de día
Ca peleaba mais non caía

Pola culpa do teu prenderon o meu
Se o meu tiña ghana moita máis tiña o teu
Moita máis tiña o teu, moita máis tiña o teu
Pola culpa do teu prenderon o meu


Veño da Virxe da Barca
Vou para a Virxe do Monte
Barqueiriño de Muxia
Pásame antes que sea noite

ai la le lo, ai la la lo

Malpica dos meus amores
O rei quíxote vender
Para vender a Malpica
Moitos cartos hai que ter

ai la le lo, ai la la lo

8. CENTEÁS  
Xabier Cordal-Bieito Romero-LNL

O porto de Cariño é un fermoso enclave da comarca de Ortegal que se abre ao sol nacente, entre o Cantábrico e as montañas. Nesta Galicia que cambia coa rapidez do mundo queremos render homenaxe ás mulleres traballadoras, ás da fábrica de conservas, ás redeiras, as que sostiñan o horto pequeno e o lavadoiro comunal. Certo día baixaron á costa de Centeás e colleron o autobús para a cidade. Levaron consigo a memoria da estirpe. A nai do poeta Xabier Cordal, que torna sempre a Cariño a través do seu recordo, era unha delas.

Ven, miña mai, ao cabo Ortegal,
baila na festa da ermida do Trebo.
Se vés comigo heite levar
na proa do mundo perder o medo.
Volve a Centeás, escribe este orballo.
Volve a Centeás, escribe este orballo.

Se vés comigo heite levar
patria vella, norte mariñeiro.
Lava a ferida, cóntame o mar,
fala que dorme, nós espertaremos.
Volve a Centeás, escribe este orballo
Volve a Centeás, escribe este orballo.

Lava a ferida, cóntame o mar,
roupa ao clareo espiras na fonte.
Nada unha nena na luz do Peiral,
lévame a vida arribar da túa morte.
Volve a Centeás, escribe este orballo.
Volve a Centeás, escribe este orballo.

9. O SON DAS AUGAS    
Bieito Romero-LNL

As augas en Galicia son un dos elementos naturais máis venerados dende tempo inmemorial, a propia auga da chuvia, a das fontes, a dos ríos, dos regatos ata o do propio mar sempre tiveron propiedades beneficiosas que pasan por ser dende máxicas, prolíficas, curandeiras ata mesmamente fecundantes.
Esta é a historia dunha gota de chuvia que cae no río Xallas e que no seu transcurso desemboca no Atlántico a través da fervenza do Ézaro no Pindo e que xa alí as correntes fan que chegue ás costas de Brasil.



10. DANZANDO NOS CONFÍNS    
Bieito Romero-LNL

Galicia é un dos extremos máis occidentais de Europa, o feito de estar situados nestes "confíns" marcou decisivamente o noso comportamento ante o mundo e mantennos cunha das tradicións máis vivas e ancestrais de Europa na que se inspiran estas dúas muiñeiras que sen dúbida convidan á danza.
A danza dos vivos no país dos mortos.


 

11. ECOS DO ALÉN    
Raquel Gamallo-Xan Cerqueiro-LNL

A melodía desta canción con certa inspiración irlandesa fíxolle lembrar á autora da letra os contos que de nena, e non tan nena, escoitaba na voz do seu avó ao calor dunha lareira no val de Quiroga (Lugo) e as histórias que o seu pai explicaba paseando por O Caurel, coas que enchía de novas cores e matices cada paisaxe e recanto do camiño andado. Este tema está dedicado a todos aqueles que, na súa voz, mantiveron e manteñen viva unha parte imprescindible da cultura do noso país, e que recoñecen na tradición oral un legado de valor incalculable que transmitir ás xeracións vindeiras.

Hai un rumor que move o vento no ar
Que encolle a ialma cando o sintes
Hai un rumor que sabe a terra e a sal
Que aínda ten voz na que habitar
E algún rapaz teimando por preguntar
Descubrirá que hai mil historias
Nos ollos calmos de quen soubo gardar
Ecos do alén

Na súa voz
Está por destecer
En cada frase un cantar
Do que xa foi, do que ha de ser
Na súa voz
Quedou sen esquecer
Do tempo un maino alalá
Na súa voz

Non hai silencios si te vexo tentar
Coller na man o mundo enteiro
E así comenzan no teu berce a nevar
As verbas que deixa un ronsel
Antigas lendas da montaña e do mar
E contos nados na lareira
Van debuxando frente a ti, devagar
Ecos do alén

Na túa voz
A luz ha se prender
Mostrando as sombras que fan
Saber que hai máis do que outros ven
Na túa voz
Vieiros ancestrais
Terán alento, meu ben
Na túa voz


12. A FONTE DAS BOLIQUEIRAS     
Pedro Valero-LNL

Preto das Pontes (A Coruña) durante séculos falouse dun encanto que vagaba pola carballeira que houbo debaixo da fonte. Sen ver mover ningunha pola oíase repetido ruído de cómo se as estivesen a rachar. Este ruído facíase estraño a cantos ían a beber alí daquelas augas milagreiras. Os enfermos que non podían subir andando contrataban os servicios das rapazas da vila de As Pontes a un patacón a botella que traian en cestas mentres eles agardaban nas pousadas do lugar...




13. A BARCA DE PEDRA    
Tradicional-LNL

Os Alalás son unha das expresións máis antigas da música galega, sen métrica e moitas veces sen letra son cantados dun xeito que ás veces chega a estremecer polo seu sentimento. Este é un Alalá moi antigo procedente de Muxía que fala de cómo a Virxe chegou a estas terras nunca barca de pedra e tamén dos rituais de carácter ancestral que rodean este culto de tempo inmemorial.

Nosa Señora valeime.
Nosa Señora da Barca,
Nosa Señora valeime.

Estou no medio do mare,
Non hai barqueiro que reme.
Non hai barqueiro que reme.
ai la le lo, ai la la lo

Ten o camarín de pedra.
Nosa Señora da Barca,
Ten o camarín de pedra.

Ben o poidera ter de ouro
Nosa Virxen si quixera.
Nosa Virxen si quixera.
ai la le lo, ai la la lo

Eu fun abala-la pedra.
Eu fun abala-la pedra.
A pedra fun abalare.

Eu fun abala-la pedra
Que está á beiriña do mare.
Que está á beiriña do mare.
ai la le lo, ai la la lo


14.- A VIAXE DE ERO  
Tradicional-Xan Cerqueiro

Esta é unha melodía inspirada na lenda de San Ero que conta de como o santo se sentou a repousar baixo unha frondosa arbore co suave arrolo dunha fonte clara que o acompañaba, pechou os ollos mentres rezaba e da arbore sentiu un agradable canto dun paxariño que extasiou ao monxe e crendo que foran uns minutos os que pasara escoitando aquel canto na realidade foran 300 anos...

 


 

 

Bonus track (DVD "Os animais") Produtora: Rodarte S.L.
Realizador: Simón Vazquez.
Cámaras: Jaime Fernandez e Serafín Barros.
Coordinación e produción: Rosa López.
Foto portada e interior: Xavier Belho
Fotos interior: Bieito Romero.

 

Este CD foi gravado e mesturado nos estudios BRUAR de A Coruña no Verán do 2007.

Técnico de son: Xavier Ferreiro "Man".
Asistentes de gravación: Nicolás Vieitez e Fran Porto excepto "Canto de andar" que foi mesturado por Mikel F. Krutzaga nos estudios Musikart.
Producción artística: Luar Na Lubre.

É unha produción para Warner music coordenada por Sergio Cruzado

 

AGRADECEMENTOS:

Aos alumnos da "Escuela de músicos", A Carlos Gil, Sergio Delgado, Nani García, Miguelanxo Prado, "Mans" estudios de gravación, Roberto Morlán, Rosalía e Guillermo, Carlos Maceiras, Xesús Villares, Chus Dieguez, Fernando Blanco, Raquel, Nico, Anxo, Gabi, Barrabás, Luís Soto, Nonito Pereira, Pablo Portabales, X.R. Vizoso, Xavier, Rosa e Simón de "Rodarte", ao concello de Catoira e os vikingos, á xente de Warner (Kiko Fuentes, Alfonso Pérez, Paco Gamarra, Alfonso Delgado, Enrique Magaz…) Gintonic, Xacobeo, denetik e Nordesia . E por suposto ás nosas familias e amigos xa que sin eles todo esto sería imposible. .

 


Luar Na Lubre

O son do ar
Beira Atlántica
Ara Solis
Plenilunio
Cabo do Mundo
XV Aniversario
Espiral
Hai un paraíso
Saudade
Camiños da Fin da Terra
Ao Vivo
Solsticio
Mar Maior



Ultimas novas en Ghastas Pista relacionadas con Luar Na Lubre

* Luar Na Lubre en Guitiriz
* Luar Na Lubre en Barcelona
* Luar Na Lubre - Estival Cuenca 2017
* XVIII FOLK De RAÍZ en Callobre (A Estrada. Pontevedra)
* Luar Na Lubre - 26 ed. Festival Des-FOLCa't (Calaf. Barcelona)

Busca máis información sobre este grupo en Ghastas Pista





Textos, videos, imaxes.. i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

info@ghastaspista.com




< =Saudade
( Luar Na Lubre )
Ao Vivo
( Luar Na Lubre )
= >


Voltar á páxina principal