Páxina anterior

 



CUARTETO CARAMUXO

Tiruriru

 

 

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]

1 comentario deste disco

 




 

 

 

 

 

 



"O cuarteto Caramuxo ten dúas características que o fan especial, único e irrepetible.
É o único cuarteto que son cuarteto e non son catro e, por outro lado, é común falar da comunicación entre o músico e o espectador. A miña experiencia como espectador de música demóstrame que esa comunicación, no caso de Caramuxo, existe. Os músicos do cuarteto Caramuxo teñen presenza escénica, porque ven ó público, relacionándose con el, cada público é distinto e merece un trato distinto para chegar e facer de cada concerto unha celebración común da que todos formamos parte."


Avelino González. Actor

 

"Coñecín o Cuarteto Caramuxo por intermediación do fraternal amigo Antón Pulido e este, á súa vez, pola relación do seu fillo Antón Luís, profesor de música e compositor, con todos eles e, dende entón foron varias as veces que tiven a sorte, e non pequena, de me deixar humanizar polos sons dos catro clarinetes, o acordeón e a percusión. A súa música contaxia paz, sosego, felicidade. A vida non tería sentido sen poesía e sen música. E o Cuarteto Caramuxo ponlle música á vida, á nosa vida.
Graciñas.

Bieito Ledo. Editor

 

"Os Caramuxos, un cuarteto que son seis, crearon unha das dez músicas novas que nos últimos vinte anos se crearon en Galicia para o gran consumo. Seino porque sempre os oín en directo, sen artificio de megafonía e sen muletas electrónicas. Son músicos e non as precisan. A lectura que fan das melodías tradicionais é orixinal; e as versións de temas cultos, tamén. O son dos Caramuxos é tan peculiar que cae como unha pinga de elegancia alegre en calquera acto cultural serio. Aí é onde eu os vin e oín sempre, pero estou seguro de que lle acaen a moitos outros ambientes. Os Caramuxos son seriedade divertida.

Xesús Ferro Ruibal

 

 

 

O cuarteto Caramuxo e a música

O camiño que percorreu Caramuxo dende a súa formación ata este traballo foi moi diverso, comezando dende o máis clásico ata chegar ao repertorio actual - de carácter popular - co que gozan plenamente, dándolle ós seus concertos un aire festivo que contaxia ó público e que intensifica o seu valor. A súa coidada posta en escena tende máis cara a un espectáculo teatral cá un concerto ó xeito tradicional. Esta teatralidade vese reforzada nos últimos anos grazas á colaboración co actor Avelino González no espectáculo Vento Mareiro - polo que recibiron no ano 2006 o premio de teatro María Casares á Mellor Música Orixinal-, e a participación no espectáculo didáctico infantil O Calcetín Amarelo en 2007, ou á produción do seu novo espectáculo (en preparación) A RAtiña Laranxa.

Actualmente, o repertorio do Cuarteto Caramuxo vira claramente cara á reinterpretación da música tradicional galega, tomando como base as melodías recollidas nos cancioneiros populares galegos e algunhas composicións de autores contemporáneos de Galicia (Nacho Muñoz, Antón L. Pulido, Jesús González ou Ernesto Campos), feitas expresamente para o grupo. Así e todo, Caramuxo non renuncia ás interpretacións doutras melodías, ben sexan doutras culturas, do jazz, ou da música pop, sempre adaptadas ó seu discurso musical.

As claves da singularidade do Cuarteto Caramuxo residen en dous feitos fundamentais: por unha banda, a instrumentación e, pola outra, os arranxos. Catro intérpretes de clarinete -que abranguen toda a familia do instrumento-, unha percusionista tradicional e un acordeonista, todos eles cunha variada formación académica que vai dende a música antiga ata a contemporánea, pasando pola música tradicional, a pedagoxía ou a musicoterapia. A mestura de todos estes elementos nuns arranxos colectivos onde cada un achega a súa propia personalidade e bagaxe musical, dan como resultado unha música fresca e orixinal que non persigue estilos nin referentes musicais alleos. A filosofía dos Caramuxos resúmese na interpretación da música sen présa e sen maior pretensión cá de gozar coa música.

Tiruriru quere ser unha mostra de que o Cuarteto Caramuxo está a facer na actualidade, coa humilde intención de que a escoita deste traballo sexa tan gratificante para o oínte como o foi para o cuarteto a súa creación, interpretación e gravación.

Este traballo forma parte do premio recibido polo Cuarteto Caramuxo como gañador do Festival Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, celebrado no mes de marzo de 2008 e no que o xurado salientou a súa orixinalidade e posta en escena na reinterpretación dos cancioneiros populares galegos.



1. O Demo      
Tradicional / Cuarteto Caramuxo  

Melodía recollida por Casto Sampedro no Cancionero Musical de Galicia (CMG) co nº148 e por Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay no seu Cancionero Gallego cos nº 306 e 383. Esta melodía foi collida a xeito de divertimento polo Cuarteto Caramuxo e, a partir de aí e sen pretendelo inicialmente, cun aderezo jazzístico foi collendo corpo ata chegar a este resultado final.

O demo cando rabea pon os cornos do revés. Rabea demo, rabea, rabea que demo es.

 

2. Muiñeira e Ribeirana       
Tradicional / Cuarteto Caramuxo

Invertendo os papeis máis previsibles, a melodía da Muiñeira da Ponte de San Paio (Cancioneiro de J. Inzenga, páx. 17) é presentada polo acordeón ao tempo que o cuarteto de clarinete aporta o acompañamento harmónico. Unha vez montada a "festa", non se pode máis que dar continuidade ao presentado, optando para iso por botar man da Ribeirana recollida no CMG co nº 332 e por José Luis Calle en Aires da Terra. A poesía musical de Galiza, co rexistro CF79.



3. Michuca        
Xosé Manuel Fernández / Cuarteto Caramuxo

Valse composto no ano 1985 por Xosé Manuel Fernández, membro do grupo Muxicas, para ser incluído no disco-dobre álbum Muxicas. Como curiosidade, dicir que este tema foi o único gravado por este grupo en dúas etapas diferenciadas do mesmo. Que se saiba, hai unha terceira versión da man de Xeito Novo (Bos Aires) e, esta que figura neste traballo constituiría a cuarta -e seguro que non última- proposta realizada a partir desta tan suxerinte melodía.  


4. Pasotriple de Sárdoma    
Nazario González "Moxenas" / Cuarteto Caramuxo

O que empezou sendo o inicio dun espectáculo de teatro, preséntase nesta ocasión a xeito de tema con varacións. O espectáculo ao que se facía referencia foi Vento mareiro, e o tema é sobradamente coñecido Pasodobre de Sárdoma, autoría do afamado gaiteiro Nazario González "Moxenas"




5. Golpe      
Tradicional / Cuarteto Caramuxo

Recollendo esta melodía do CMG (nº 338), nos arranxos realizados polo Cuarteto Caramuxo pretendeuse -dende a sinxeleza e sutileza- aportar pequenas pingas que a enriquecesen en cada unha das ocasións nas que é retomada


6. Canto de Berce      
Tradicional / Cuarteto Caramuxo

Se algún xénero de música popular é transmitido de xeración en xeración dentro do ámbito familiar este é dos cantos de berce. Do CMG, o Cuarteto Caramuxo extrae dous deles (nº 72 e 77) para xuntalos nunha soa peza e reinterpretalos a xeito de valse inglés con swing.

Durme, durme, meu rolo, que n'hai berce como o colo. Durme meu rolo. Ai, ai.



7. Tiruriru    
Tradicional / Cuarteto Caramuxo

Analizando a Reedición Crítica del CMG (1977), e máis concretamente o capítulo "El repertorio del Cancionero Musical de Galicia: análisis y revisión crítica", asinado por Xavier Groba González, chamou a atención o feito mencionado polo autor, da existencia dun uso da melodía recollida no CMG no nº467 (Cabalgata de Ribadavia), como sintonía nun modelo de máquina comecartos. De aí parte a idea de arranxala e, posteriormente, de complementala con outra melodia recollida no mesmo cancioneiro co nº467 (Pasodoble de los Gigantes, Corpus A Garda). Do nome da peza non hai moito que dicir, xurde da inexistencia inicial dun nome co que identificala e, nesa situación, o máis doado é recorrer á linguaxe prosódica.

 

8. Vals do Jicho     
Antón L. Pulido

O Vals do Jicho é unha creación do compositor e amigo Antón L. Pulido quen, deixando de lado á súa linguaxe de vangarda, ofrécenos unha pequena delicatessen escrita orixinalmente para cuarteto de clarinetes e ao que no arranxo desta gravación, o Cuarteto Caramuxo lle incorpora acordeón e percusión tradicional.

 

9. Xotis Romanés      
Tradicional / Cuarteto Caramuxo

Inda que tendo por referente o patrimonio musical galego, o Cuarteto Caramuxo gusta de nutrirse de músicas provenientes doutras culturas. Neste caso fan uso dunha melodía con connotacións centroeuropeas para ser interpretada ao seu xeito.

 

10. Invernia       
Tradicional / Cuarteto Caramuxo / Milladoiro

Como gañadores do premio I Concurso Folk Cancioneiros, o Día das Letras Galegas de 2008 o grupo tivo o pracer de compartir o escenario do PALEXCO co grupo Milladoiro. Neste concerto estaba prevista a interpretación conxunta entre ambos grupos dalgunhas músicas entre as que, a proposta do grupo Milladoiro, figuraba este tema tradicional recollido co nome de Invernía no seu traballo Castellum Honesti (1989)
O realizado inicialmente por Caramuxo deu pé para artellar esta particular versión cun arrecendo a música soul.

 

11. Canto de Segada     
Tradicional / Fernando Abreu

Tema baseado nun canto tradicional recollido na rexión mirandesa de Portugal e incluído na compilación Música sen Fronteiras baixo o título de Cardai, cardicas, cardai. O clarinete baixo, o acordeón e a batería son suficientes para interpretar esta versión na que contrastan momentos de evidente recollemento con outros de forza incontible que ben nos poderían trasladar aos campos de algodón das beiras do Mississippi.

 

12. Muiñeira do Sapataso     
Nacho Muñoz

Muiñeira atípica onde as protagonistas son as percusións realizadas polos sapatasos dos músicos no chan. Nada é predicible e, por non selo, nin sequera o é o final. Esta muiñeira é un agasallo de Nacho Muñoz para o Cuarteto Caramuxo.

 

13. Entre Vigo e Pontevedra (O Golpe de Mar) Tradicional / Cuarteto Caramuxo

Se nesta gravación esta presente a música do inicio do espectáculo Vento mareiro, rematamos a mesma coa peza que o pechaba. Tomando a melodía nº49 do CMG, vaise montando un constante ir e vir de melodías que se mesturan, que se tapan como as ondas dun golpe de mar... ata que o mariñeiro que as evita se despide delas co "Goodbye machiño, ata tomorrow"

Entre Pontevedra e Vigo, entre Vigo e Pontevedra, está a Ponte de Sampaio, mociños paraivos nela






CUARTETO CARAMUXO son:

Alonso Caxade: acordeón; 
Patricia Cela: percusión;
Felipe Agell: clarinete en Sib;
Xoán Carlos Vázquez: clarinete en Sib;
Óscar Prieto: clarinete en Sib e baixo;
Fernando Abreu: clarinete baixo e requinta en Mib


Gravado ao vivo e mesturado en Estudios Abrigueiro (Friol, Lugo) nos meses de xullo e agosto de 2009 por Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro; Master: Arturo Vaquero; Producido por : Fernando Abreu e Pablo Carrera; Revisión de textos e tradución o inglés: Patricia Verdial Garay: Deseño gráfico; Elba Fernández (Falcatruada); Imaxe de portada: Músico, de Antón Pulido; Fotos: Gus Abreu



Cuarteto Caramuxo foi, por unanimidade, o gañador do Festival Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza celebrado en Vigo e A Coruña en marzo de 2008. O premio consistiu en 6011 euros, a grabación deste CD e a participación nun concerto final do festival, que tivo lugar o 17 de maio de 2008 na Coruña, compartindo o escenario co grupo folk Milladoiro. O Festival Folk Cancioneiros estivo encadrado na celebración do 40 aniversario da Fundación Pedro Barrié de la Maza, en 2007, co obxectivo de divulgar o patrimonio da música popular galega e fomentar entre os grupos folk afeccionados o interese polo repertorio do Cancionero gallego, de Torner y Bal y Gay, e do Cancionero Musical de Galicia, de Castro Sampedro y Folgar; publicacións editadas pola Fundación Pedro Barrié de la Maza



Queremos agradecer o apoio de todas aquelas persoas que fixeron realidade este traballo:
ás nosas familias, a eses seguidores incondicionais, e a todas aquelas persoas que,
nalgún intre, compuxeron música para nós ou tocaron nalgunha
ocasión connosco, e dun xeito moi especial a:

Antón Pulido, por ceder unha das súas obras para a portada deste CD.
Avelino González, Bieito Ledo e Xesús Ferro Ruibal, polos seus textos e amizade.
David Ricoi, por ser un bo amigo e crear -hai xa uns anos- o noso logo de balde.
Orquesta Clásica de Vigo, plataforma de traballo de Caramuxo durante boa parte da súa historia.
Cándido Lorenzo, o cuarto membro nos inicios do Cuarteto.
Cándido Cabaleiro: coa súa incorporación ó Cuarteto, Caramuxo tomou aire co seu fol.
Luis Carballo e Marcos Vázquez, polas súas destrezas percutiles postas a disposición do grupo.

Grazas.

 





Cuarteto Caramuxo

Tiruriru



Ultimas novas en Ghastas Pista relacionadas con Cuarteto Caramuxo

* Cuarteto Caramuxo en Pontevedra
* Cuarteto Caramuxo en Vigo
* Concertos NA RAÍZ. Ferrol
* I Festival Premios Martín Códax da Música (Compostela)
* XXIX Festival de Poesía do Condado (Salvaterra)

Busca máis información sobre este grupo en Ghastas Pista





Textos, videos, imaxes.. i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

info@ghastaspista.com




< =TanGalego
( Crema de Gaita )
Directo en Balboa (2007)
( cuchufellos )
= >


Voltar á páxina principal