Páxina anterior

 

 

 

 
A GAITA DE SARANDÓN
REQUINTEIROS DA ULLA

 

 

 

 

 

 

 

 

http://www.agaitadesarandon.com

 

.....

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]

4 comentarios deste disco.....

 

 

 

 

 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

O grupo de requinteiros A gaita de Sarandón trata de manter vivo o legado que os seus dous principais compoñentes, Marcelino e Pepe, reteñen por sorte aínda nas súas mentes.

José Alvela Canicoba e Marcelino Brey Vázquez son hoxe en día os dous últimos vellos requinteiros que se manteñen en activo como membros dunha formación musical estable, e ó redor destes dous vellos mestres, reúnense nesta formación outros cinco máis ou menos novos músicos cunha serie de claros obxectivos en común.

Recupera-lo repertorio que ambos interpretaron co grupo A gaita de Vedra, polo que ambos pasaron, un primeiro e o outro despois, así como o que interpretaban cos seus veciños e amigos da aldea de Sarandón, é parte fundamental da finalidade da agrupación. As pezas que lembran son interpretadas polo grupo atendendo ó recordo que eles gardan das mesmas, intentando reproducir coa máxima fidelidade posible aqueles arranxos que eles lembraban como característicos, e indo sempre na procura da sonoridade propia daqueles grupos ulláns que coñeceron e nos que participaron.

A posta en uso e en valor de instrumentos case esquecidos como a requinta ou o charrasco é outro dos obxectivos primordiais desta agrupación, que conta ademais coa grande fortuna de que os que habitualmente tanxen ambos instrumentos son dúas persoas que os empregaron de nenos nun contexto moi diferente ó que hoxe en día se estila. O espírito co que a requinta, o charrasco, as gaitas e a máis variada percusión se empregaban nas cociñas da aldea de Sarandón é o que hoxe o grupo tenta reproducir enriba dos escenarios.

O traballo discográfico que o grupo acaba de sacar ó mercado pretende tamén espallar ese espírito de festa e quere ser un paso máis do grupo na procura dos seus fins comúns.

 

 

 

 

 

 

 

 

A GAITA DE SARANDÓN SON:

Marcelino Brey Vázquez
José Alvela Canicoba
Manuel Campelo Sende
Raquel Iglesias Ramos
Emilio Lois Blanco
Paco Vázquez Picanes
Gerardo Albela González
Héctor Rodríguez Martinez
 
Interviñeron na gravación:
José Alvela, requinta
Marcelino Brey, requinta e charrasco
Emilio Lois, gaita
Gerardo Albela, gaita

Raquel Iglesias, caixa e tamboril

Manuel Campelo, bombo

 

 

 

 

 

 

Estando o grupo A Requinta da Ulla reconstituido con Pepe e Paco como requinteiros, xorden sen embargo algunhas actuacións nas que se require a intervención conxunta de Pepe e Marcelino, acompañados en moitas ocasións tamén por Paco. Estes, solictan a colaboración de Gerardo Albela como gaiteiro, e nese tipo de actuacións van participando músicos como Héctor Rodríguez, que chega a compaxina-la súa presenza en A requinta da Ulla e nestas actuacións ocasinais; Miguel Brey, fillo de Marcelino e que tamén fora membro fundador de A requinta da Ulla; Alberto Aldrey; ou Iván García, entre outros.
Con ocasión da investigación sobre a requinta desenvolvida no seo da Asociación Raiceiros esta formación ocasional ten que realizar unha gravación en estudio e algunha actuación máis, e é entón canso se integran na agrupación Emilio Lois e Raquel Iglesias. O que fora unha formación ocasional remata consolidándose, e finalmente é bautizada como A gaita de Sarandón a comezos do ano 2002. Froito destes catro anos de ensaios e actuacións é este disco que agora ve a luz.

 

 

 

 

 

 

 


EDITA E PRODUCE
Edicións do Cumio
www.cumio.com

Máis fotos, textos e información en:
www.agaitadesarandon.com

 


 

 

 

 

 


1.- Muiñeira    

Peza do repertorio de A gaita de Vedra. Tanto Pepe como Marcelino lembran tela tocado con Marcelino O Barbeiro. Pola súa peculiar construción, decidimos que a terceira parte da peza fose interpretada só con requintas e percusión. Segundo Marcelino e Pepe lembran, O Barbeiro, nesta parte, sostiña coa gaita unha nota aguda para logo enganchar ás requintas na escala descendente final..

 

2.- Marcha    

Este é un dos moitos pasodobres e marchas que os veciños de Sarandón interpretaban cando ían de casa en casa polas cantarelas de Nadal. "...esa paréceme que é xa de tar dentro... de tocar dentro xa da cociña... porque para entrar tiñamos outras".

 

3.- O Jaimito    

Pese a que tamén formou parte do repertorio de A gaita de Vedra, Marcelino e Pepe lembran especialmente a interpretación que desta peza facía a Banda de Lantaño, co seu frautín solista, maxistralmente interpretado por un precoz instrumentista que recibía en cada interpretación os vivas de todo o público. A peza era solicitada polo público unha e outra vez, propiciando que fose interpretada varias veces pola banda, e incrementando a popularidade da melodía. Segundo os nosos veteranos requinteiros, a peza tiña letra. Eles lembran estas estrofas:

Vive enfrente de mi casa
Un aprendiz de flautín (de flautín).
Es el travieso Jaimito,
Que no me deja dormir.

Por la mañana solfeo
Y por la tarde sol-flautín (sol-flautín).
Y no me deja tranquilo
El travieso del aprendiz.

Do-Re-Mi-Fa-Sol-La-Si-Do

Si no te sale, vuelve a empezar.
Dale que dale, Do-Re-Mi-Fa...

 

4.- Muiñeira  

Di Marcelino que esta peza era "daquelas bandas que tocaban por aí. Se non eran das bandas en general eran esas medias bandas que había de dez ou doce que tocaban de todo, de... cancións populares que había nos lugares e que sabía todo o mundo". Estas pezas, "salían novas e tiñamos moita ánsia, eso si, que... tanto Pepe coma min... ‘Oes, che!. Acórdaste aquela que tocou onte a banda, no San Campio?’. Carallo!. Xa nos quedaba gravada na cabeza... Aínda que nos esquencera algunha cousa, ó pouco xa a sabiamos toda". Se non "viñan aí correctiñas de todo", "sempre tiñamos ansia de, para a próxima festa, recopilala de todo".


5.- O Luís    

Pode ser que pertencese tamén ó repertorio de A gaita de Vedra pero, de certo, foi unha das pezas insignia do repertorio dos veciños de Sarandón para as cantarelas de Nadal, que a empregaban para entrar e saír das casas ó son do charrasco. Lembra Marcelino que "daquela non tocaba eu o charrasco, era Teira o que tocaba o charrasco... Manuel". Nestas ocasións Pepe, Marcelino, e os seus veciños e amigos de Sarandón coincidían moitas veces de madrugada nas cociñas das casas con veciños de Xián (Trobe) e de Corbeixe (San Mamede) que andaban tamén ás cantarelas.


6.- Jota    

"Esa é máis vella que a abuela de San Pedro". Segundo Marcelino, Arturo Cajaraville, veciño de Roelle (Vedra), lembra tela tocado de novo cos seus irmáns, cos que tiña un grupo cando eran mozos. O Sr. Arturo lembra que tamén tocaba xa esta peza Pedro Brey, o pai de Marcelino, co seu grupo, A gaita de San Miguel (tamén coñecido como Quinteto Gallego)

 

7.- O Caravel    

Muiñeira do repertorio das bandas de música que de mozos escoitaban Pepe e Marcelino nas festas, como as coñecidas Riveira A Nova e Riveira A Vella. O nome tomárono da única estrofa da letra que Pepe e Marcelino lembran
:

Caravel, caraveliño,
caravel, caraviñol,
o día que non te vexo
para min non raia o Sol

 


8.- Rumba    

Peza tamén procedente do repertorio das bandas de música. Como no caso de O Caravel ou da muiñeira interpretada en cuarto lugar, Marcelino e Pepe lembraron a melodía (pero nestes casos non o día despois do baile, senón uns cantos anos despois de tela escoitado nun baile por última vez) e interpretáronnola coma se formase parte do seu repertorio de sempre. Ó fin e ó cabo, estas cancións formaron parte do repertorio de sons da súa mocidade, que é o que en A gaita de Sarandón pretendemos rescatar. Que, segundo lembran, naquela época non tomasen estas pezas para o repertorio de A gaita de Vedra ou das cantarelas cos de Sarandón foi seguramente en moitos casos unha simple casualidade. Interpretámola na percusión tal e como eles lembran que facían as bandas e grupos tradicionais da época, con ese sincopado e característico choque de paus das vellas rumbas que os novos percusionistas teñen hoxe case completamente esquecido.

 

9.- Anda Manuela    

"Outra canción antigua" desas que tiñan unha coñecida letra. É das que, segundo Pepe, "tiñámola nós pa... pa cantar por aí polos camiños adiante; polas corredoiras" nas cantarelas de Nadal. A parte da letra que lembran dicía::

Anda Manuela,
ponte las botas,
los zapatitos
y el delantal.

Porque los mozos
de la ribera
con su bandera
te vienen buscar.


10.- Valse de Sarandón    

Este fermoso valse pertencía ó repertorio de A gaita de Vedra. Marcelino lembra unha vez que fora con Enrique Montero, Quico, a se entrevistar cun Marcelino O Barbeiro, xa encamado unha vez que lle amputaran unha das pernas. Esta foi unha das pezas que O Barbeiro lembrou naquela ocasión, pero o noso Marcelino non lembra se O Barbeiro a nomeou como valse de Sarandón ou se o apelido se lle puxo despois.

 

11.- O que non come non ten barrighola    

Esta muiñeira procede tamén do repertorio das vellas bandas de música ulláns e toma o nome da única estrofa que Pepe lembrou da letra que un día tivo:

E tantarantán, e tantarantola,
e o que non come non ten barrighola...

 


12.- Pasodobre    

Tamén procedente do repertorio das bandas. A decisión de se unha peza se incluía ou non no repertorio para ser interpretada con requintas dependía moitas veces da súa dificultade técnica. Como di Marcelino falando da requinta, "se foran flautas de música que, con un dedo que pises levantas dous ou tres buratos entonces tócala rapidiño, pero nesta, o carallo".


13.- Valse    

"Esa era do Barbeiro", di sen dubidar Pepe. "E ten un dúo moi bonito", completa Marcelino.
 

14.- Pasacorredoiras    

Peza de andar que pertencía ó repertorio de A gaita de Vedra e que combina unha parte de pasodobre e unha de muiñeira.

15.- Portuguesiña (Pasodobre Portugal)    

Tamén pertencente ó repertorio das bandas de música, non formou tampouco parte do de A gaita de Vedra nin do empregado polos veciños de Sarandón. Si pertencía ó de Airiños da Ulla, segundo temos constatado por conversas co que fora gaiteiro desta agrupación José Brey González, Orosa, e por unha gravación dun ensaio deste grupo na que esta peza aparece rexistrada. Segundo Pepe e Marcelino, a súa letra dicía:

Portuguesiña,
miña, miña Maruxiña,

Tanto che quero,
tanto, tanto, tanto e ben.

Pa demostrache
todo, todo o meu cariño

dame un biquiño,
anque sea pequeniño.


.

16.- Jota    

Como di Pepe, esta peza é unha "como moitas máis que tes no... no tinteiro.. metidas... tan metidas nun cabazo. E de vez en cando saen así nalgún foco deses...". Nós chamámoslle Jota de Ourense porque o noso bo amigo Raúl Galego nos contou que lla tiña recollida a un gaiteiro que formara parte da banda de música desta cidade.

17.- A Contiña    

Esta fermosa e potente muiñeira pertenceu ó repertorio do grupo Os gaiteiros de Albín, e foi unha das que Enrique Montero lle recolleu a membros deste grupo, publicándoa no seu traballo A requinta na Ulla e ensinándolla a Pepe e a Marcelino para que formase parte do repertorio do grupo que formaron aló polo ano 1993, A requinta da Ulla.

18.- O Canadá    

Seguramente pola súa complexidade, esta fermosa canción italiana non pertenceu nunca ó repertorio de A gaita de Vedra. Si formaba parte, sen embargo, do repertorio que Marcelino e Pepe interpretaban polas cantarelas cos seus veciños da aldea de Sarandón. Esta e outras coñecidas pezas como O Mustafá ou O Bayón eran interpretadas nas madrugadas dos días de Nadal, San Manuel e Reis nun ambiente de total anarquía musical no que a un tempo se tocaban gaitas, requintas, pínfanos, frautas... e, en moitas das pezas, tamén todo tipo de instrumentos de percusión. Seguro que a calquera que teña escoitado unha orquestra nos anos sesenta lles resulta unha peza coñecida



A Gaita de Sarandon

Requinteiros da Ulla



Ultimas novas en Ghastas Pista relacionadas con A Gaita de Sarandon

* Espazo Activo da Ulla - pasabodeghas. San Miguel de Sarandón (Vedra - A Coruña)
* XXVI Xuntanza de Gaiteiros - Homenaxe a Raúl Galego o Gaiteiro Nubeiro
* Espazo Activo da Ulla - Pasabodeghas. San Miguel de Sarandón (Concello de Vedra)
* Foliada solidaria en Vedra
* Espazo Activo da Ulla 27 e 28 de Outubro en San Miguel de Sarandón- Vedra

Busca máis información sobre este grupo en Ghastas Pista





Textos, videos, imaxes.. i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

info@ghastaspista.com




< =De Ruada en Bos Aires
( A Curuxa )
A Roda AlalÁ AdoRA
( A Roda )
= >


Voltar á páxina principal