Páxina anterior

 

 

TINO BAZ:

Cinsa Namorada

 

 


www.tinobaz.com

.....

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]

4 comentarios deste disco .....

 

 

 

 

 

 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

Namorada a voz de Tino Baz para cantar a epopea do pobo, sexa colectividade, nome propio ou alcume que marxinou a sinalar a diferenza.
Namorada voz no amor e na rabia, na caricia e no látego fustrigador, para contarnos que no campo semántico da cinsa, no humus que deixa a derrota, xermola a vida, sempre a vida, como a rosa na caveira do tempo.
Procura dos rexistros da dita entre o desgarro da mágoa. Xustiza histórica para deixar as cousas claras e o corazón mesto de esperanza e futuro. Corazón ao sol na terra que ama e quere outra. Aquí, onde máis que nunca cómpre a palabra que resucite os mortos, o "érguete e anda" a alentrar sobre o remol do incendio. Fonda voz de río Miño a se verter no mar, a ser escuma incendiada contra a rocha do esquecemento.


MARICA CAMPO

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Cinsa Namorada, ven a ser o título do traballo discográfico que Tino Baz grava neste intre, e que ten como finalidade crear un soporte sonoro da súa obra de autor, como músico e cantor.

É o resultado dun proceso de madurez creativa a través dunha longa carreira como profesional da música, sustentada en diferentes colaboracións con grupos da música galega actual de recoñecido prestixio e, individualmente, como músico que ten percorrido e espallado o seu traballo por todo o país e tamén fora del, tendo actuado en Xenebra, Cuba, Brasil, Portugal e diferentes lugares do estado español como Cataluña, País Vasco, Madrid, Málaga, Cádiz... Complementa a súa tarefa artística musical, como profesional nas aulas dando concertos pedagógicos, montando obradoiros de instrumentos populares galegos e dando charlas, sobre a música como elemento formativo educacional desde o valor da tradición oral.

Como músico miñoto, mòvese nunha estética connotativa de raìces populares adaptándose ás acústicas innovadoras da inxenería do son do momento actual. O estudio donde se levou a cabo o proceso de audio, é en Casa de Tolos de Mañufe (Gondomar) baixo a responsabilidade de Segundo Grandío, director da producción discográfica.

As pezas que compoñen este proxecto, son músicas e textos de Tino Baz xunto a un poema da escritora luguesa Marica Campo, que ven a ser quen avala literariamente este traballo. Poemas de diversa temática que, conceptualmente, móvense de xeito gravitatorio entorno ao poema Cinsa Namorada da autora luguesa antes mencionada e referencia indiscutible da literatura galega actual.

Musicalmente, ven a ser o veterano músico Moisés Quintas quen asume a dirección artística e quen coordina a participación dos distintos instrumentistas que interveñen no proxecto, todos eles de sólida formación, de amplo curriculum e algúns deles, dunha longa e histórica traxectoria.

Defínense as pretensións desta publicación, no desexo de facer un aporte fresco ao panorama da música galega actual, na parcela concreta da canción de autor. Por outra parte trátase de dinamizar as creacións musicais do noso país desde a convicción confesa do autor, de normalizar a lingua e a cultura galega, na súa proximidade con Portugal dada a condición de miñoto de Tino Baz.

 

A xeito de agradecemento.
Na Cinsa namorada están:

 

 

- Moises Quintas nunha cúspide luminosa. Asumiu a direcció musical deste traballo, fixo os arranxos e coordinou as colaboracións instrumentais dos compañeir@s que interviñeron na gravación. Nun verdadeiro exercicio de doación, non escatimou nin tempo, nin esforzo, nin puntual atención á miña proposta. Unha auténtica lección de humanidade sempre ao servicio do semellante. Articulou estéticamente as pezas e é principal artífice das bases instrumentais: gravou cordas (guitarras, mandolina e cabaquiño), frauta de pico e traveseira, filharmónica, birimbao.. Expuso cento e unha suxerencias e sin as súas sonoridades acústicas interiores, non sería posible este traballo. Ecoe sempre na súa memoria o meu sinceiro e profundo agradecemento: MOITAS GRACIAS MOISÉS.

- Os acordeóns de Xan Eiras cos seus pulidos matices. Deixounos xunto ao seu aporte instrumental, exquisitos detalles que definen a súa sutileza como músico.

- As sensacións tímbricas e rítmicas de Lucía Martínez. Cunha enorme saca ateigada de pertrellos percutivos: cántara, jembé, pau de auga, ovos , pezuñas, culleres, ferriños, bombo,.. foi dándolle latexos a tódos os compases. Labrega do ritmo, tampouco esqueceu percutir co sorriso.

- O teclado de Alex Ríos adherido ao poema Testemuñas de pranto. Perceptivo e bondadoso, este loiriño do Morrazo guiou as voces cos seus dedos sensuais. Como un anaco de pan. En mans da ternura...

- O violín de Rosa Gayoso. Rosiña é a cor e a fragancia do seu nome. Co arco do seu violín sabe derreter estrelas e sabe tamén, ser ave fenix ao decir Cantarei coas cordas. É cinsa namorada a súa expresividade...

- A voz de Mercedes Arribe, no poema O lóstrego, que nos agasalla con toda a súa exhuberancia cantora, con todo o seu corpus frondoso de artista vocal. Cubríndome de liño...

- A prestancia sempre doce de Xan López, amante do verso e gaiteiro fondo. Que me deixa as camelias da súa voz para me facer o dúo no Cantarei...

- A amistade de Pablo "Carriño" coreando convencido Na praza liberada.. Cantando co corazón e coa conciencia...

- Os azos vocais e sanguineos da miña irmá Carmen, que coa súa fermosa voz faime un dúo na Cinsa Namorada. Abofé que atopamos cinsa namorada, xa que imos os dous á procura do legado xenético da devoción do canto que nos deixou o noso pai. Hoxe cantando nalgunha estrela..

- O alento permanente e profundo de Mini e Mero. Que sempre están ahí ensinándome a amar este precioso oficio de cantor. Nese desexo de querer escorrentar a amargura, aparecen xunto a min para cantarmos os tres Testemuñas de pranto. Con eles aprendo que cantar é un acto de amor ao semellante, é estar comprometido coa liberación dos pobos redundando esta causa, na felicidade do ser humán. Agardando algún día ver a Galiza gozando de seu, ninguén nos rouba o soño de cantar Na praza liberada...

- A estima infinita do lúcido caudal poético de Marica Campo dándome arrimo desde a súa placenta literaria, enredándome gozoso na música insinuante dos seus versos para dende a miña ousadía, melodizar e declamar o seu poema Cinsa Namorada, verdadeira alma mater deste traballo, prologoume sobre as augas do Atlántico que tan ben cantan e conduciu todos os textos cara a estética da escrita...

- O meu desexo transparente de dar a luz este concepto da Cinsa Namorada, honradamente madurado no tempo e na afectiva intención de agasallarvos a todos aqueles que me convencíchedes da idea de gravar. Puxen a gorxa en todas as pezas, a Zanfoña na Canción dun pintor e nagunha outra algo de percusión tradicional atopándome en todo momento, moi a gusto perto a Segundo Grandío. Abríume as portas da súa Casa de Tolos, escoitoume atentamente desde un principio e puxo a nosa disposición os medios técnicos do seu estudio de gravación, o potencial humano dos seus profisionais, todo o seu carisma xunto a súa enorme pericia musical.

-...a certeza amorosa do mundo sensorial dos cativos. As miñas sobriñas Patricia, Lucía e Iudit, que tanto me aportan...

...É A VIDA A MILLOR ESCOLA DO CANTO

TINO BAZ.


 

 

 

 

1. CANTAREI, CANTAREI, CANTAREI...     
Música e Letra: Tino Baz

Cando escriba en tinta de loito,
cando o alento me intente abafar,
cando a anguria veña a visitarme...

Cantarei, cantarei, cantarei...

Cando as luces non vaian á escola,
cando os nenos só sintan terror,
cando as fábulas sexan caducas...

Cantarei, cantarei, cantarei...

Cando os vermes en brazos me arrolen,
cando o frío carcoma o sentir,
cando o inverno me furte a vontade...

Cantarei, cantarei, cantarei...

Cando a alba non te ña luceiros,
cando as noites non sexan amor,
cando a estrela non me diga o Norte…

Cantarei, cantarei, cantarei...

Cando o tenro non sexa verdade,
cando minta o tacto de irmán,
cando amarse de seu esmoreza...

Cantarei, cantarei,
cantarei...

Cando o Miño
xa non sexa Miño,
cando as augas non leven rumor,
cando a Terra xa non sexa Terra…

Cantarei, cantarei, cantarei...


 

 

2. CANCIÓN DUN PINTOR    
Música e Letra: Tino Baz

Do ventre da esperanza librei a alborada,
do verde espiñento erguín o toxal,
do río mainiño un espello de prata,
da xeada da herba pranto de cristal.
Co vento rizei o baile das follas
que o corpo do Outono lucido deixou,
mirei que abalaba ás arbres espidas,
que era no lapis alento e roncón.

Eu que quixen falar coma un pincel,
antre as cores ser terra a xermolar,
atopeime ca musa da beleza
aquela que nos soños percurei.

Da chuvia parín as bágoas do tempo,
do frío da morte, da frol do dolor,
xunteinas nun pano por ver que ferían,
con zume de fogo armei un solpor.
Estelas infindas trouxeron a noite
con beizos de lume un astro xurdiu,
levaba da man un carro de estrelas,
con voz de braseiro cantaba pra min.

 

 

3. A XULIVA     
Música e Letra: Tino Baz

Na man un cramoeiro, descalza pola praia,
aínda non sae o sol levántase da cama,
o mar trae argazo e ela vai detrás del
ten un noivo nas augas, o seu amigo fiel.

Ai, Xuliva, vaite pra casa...!
deixa que durma o argazo na praia.
O monte que fixeches, que vai a ser del?
O mar ha de levalo halo de perder.

Deixou o cramoeiro, gatuña pola area,
solteira de misterio, de enrrugas con beleza,
esvelta na mirada, co pano na cabeza,
ten a roupa mollada co baile das mareas.

Pra ela non hai anos, nin días nin horario,
coas limbadas que apaña o andar é rutineiro.
A xente dille a ela que a vai levar o mar,
no eido das gueivotas as mans fana voar.

Dín que cando era moza bailaba polas festas,
cabezas de sardina apañaba pras leiras,
ía por leña ó monte seu mundo foi un soño,
coa vida do argazo o mar dobroulle o lombo.

.

 

4.- O MAR ENSOÑADO   
Música e Letra: Tino Baz

 

Ti es mar de escuma branca,
da cor que fai soñar cada solpor,
desafías a todos os navíos
porque tes a bravura na canción.

Enchías de vento todo o peito,
deixabas as metáforas na praia,
erguendo a voz rexa no silencio,
izando de sal cada palabra.

Ti, mar, compañeiro, irmán, amigo,
falácheslle valente aos neboeiros,
que enchían de aldraxes e de infamia,
o rumbo de vida dos galegos.

Tendéchesnos a man da esperanza
e fomos ansiosos a procura,
do maruxo que tes en cada verba,
de loita, de traballo e de fartura.

Berraches nas noites de naufraxio,
rompiches as cadeas dos que morren
arelando atoparse cunha terra
de homes e mulleres que non choren.

 


5.- O LÓSTREGO     
Música e Letra: Tino Baz

Real, aceso, foi puro lóstrego,
miragre de luz, misterio do albor,
fundindo nun soño dúas lúas novas,
derreteu estrelas, falou o trebón:

No niño das flores fixémo-la casa,
asubío de vento espido,
cantámoslle ao amor,
e o amor medrou.

Bebinte, bebíchesme, bebémonos,
fixemos no leito lume e brasas,
a semente prendeunos no corpo da noite,
o anceio do bico, durmindo en augas mansas,
cando verso e brancura foi lúa eternamente,
fío a fío cubríndonos de liño,
fío a fío cubrindo en doces mantas.

.

 

6. A DANZA DAS MAREAS     
Música e Letra: Tino Baz

Camiña a morte polo monte arriba
bebendo viño da cunca da vida,
como tolea e eu vou detrás dela
cae polos camiños coa súa bebedeira.

Xoga coa lúa, xoga coa terra
roxe como o vento, canta coma as penas,
baila nas romaxes, xorde de repente
nunca estará farta de brillarlle á xente.

A danza das mareas levará
un carro de bois polo medio do mar,
e polo varadero pousará
semente de estrelas abrindo a craridá.

Que muller mais boa! Todos din que é fea.
Brinca, rebrinca, rise toda leda.
Eu non sei por qué ninguén a quere.
Non quero mágoas, quero que me leve.

Da súa cabeleira eu namoreime,
chea de anos branca coma a neve.
Murmúranme na fonte polo meu malfado,
ten tratos coas serpes, có demo do rabo.

 

7. CINSA NAMORADA     
Música: Marica Campo
Letra: Tino Baz


(...)
Polvo serán, mas polvo enamorado.
Francisco de Quevedo

Pois que todo o que arde devén cinsa,
ardamos máis aínda pese á morte
e sexa a cinsa cinsa namorada
e escura primavera dende o fume.

Tal vez a eternidade non exista
para os que miden a rota da prudencia,
para os que coutan a dimensión do bico,
para os que marcan o ritmo do latexo.

Sexa a loucura, o berro, a gargallada.
Sexa o abraio, sexa o terror da noite.
Sexa a morte, xa que é prezo da vida.
Sexa a cinsa, xa que é herdo do lume.

.



8. TESTEMUÑAS DE PRANTO     

Letra e Música: Tino Baz

Dos meus ollos de medo verten ríos de chuvia,
do meu alento orfo foxen as musas todas,
camiñan en ringleira espidas e caladas,
as mesmas que roubaron as esencias da dozura.

Quen che negou amor, as mantas do teu leito?
Quen prantou no monte a arbre máis tristeira,
que eu, terra amada,
non souben darlle a saiva
para que en mín, toda ela, poidera afondar?.

Tan soio me deixaron testemuñas de pranto,
un doloroso gris de cinsas namoradas,
as mans ensanguentadas cos cravos da roseira,
o corpo mutilado cos menceres da impotencia.

 

 

9. ARMINDA     
Letra: Toi Dilan
Música: Tino Baz

Arminda e os seus pantalóns...
...era unha muller revolucionaria...,
que pasou o que pasou,
hai muitos anos xa puña pantalóns!

Había rosas brancas na súa mirada triste,
murmuraballa o vento, as voces do dolor,
ben sabe Deus nunca lle molestaban,
pobre ela xa foi quen foi.

Ser perdedora non a molestaba,
ser muller, muller con pantalóns,
fixo que todas as mulleres sensibles
hoxe e sempre lle deran a razón.

A boina que levaba inmortalizouna,
andaba paseniño polo murallón,
diríalle ó mundo: “Que me chamen tola,
non o aborrezo pero son quen son”.

Aquel xeneral non foi quen de reprimila,
negaba calquer clase de manifestación,
non daba dereito ao pobre con idioma
pero a Arminda ninguén lle quitaba os pantalóns

 

 

10. NA PRAZA LIBERADA...     
Letra e Música: Tino Baz


Na praza liberada o povo así cantou...

Formaron os melros un coro de anxos
coas frautas douradas tremendo de amor
ao ver anovadas as podres silveiras
do berce do odio, da vil sinrazón.
Acedas e mortas cheiraban a rancio
somente acollían a pel do opresor;
pluma corroída, macabro paxaro,
maldito mesquiño, tirano cantor.

No monte os toxeiras de novo agromaron,
a luz da chorima enfróntase ao sol,
chea de carraxe coa saiva encantada
ao non ir murchando vírase canción.
Canción que acompaña ao berro da rúa
querendo afastar a tal criminal,
praza liberada, terra verdecida,
semente que trae un limpo mañá.

Erperta memoria non traias esquezo
que o intre é de luz e torna a virar;
cerne de cunetas, sangue derramado,
presidios, exilios, non deben voltar.

 

11. RAÍCES DO FIN     
Letra e Música: Tino Baz

Cantarei toda noite ata procurar luz,
negarei o silencio ata maina alborada,
escacharei a gorxa contra o chan,
reventarei o peito para encher o grande baleiro
das túas mans.

Raíces do fin, raíces do mar,
raíces dos beizos, raíces do amor,
raíces da terra, raíces do pan,
raíces das cinsas que plantas en nós.

Canto de ardentía ou xurelo recente,
aturuxo de gaivota ou cardume namorado,
sal de gamela no verdello embourrada,
grave i ergueito como o outeiro de Pedralta.

Insua de luz na fogueira da irmandade,.
serás o sol morno de Setembro,
serás o espertar do mes de Abril,
valerás as cántigas do maio,
valerás o noso cerne en ti,
valerás as cántigas do maio,
valerás o noso cerne Serafín.

 


Producción artística: Tino Baz.
Producción discográfica i executiva: Pai Música.
Producción musical e arranxos: Moisés Quintas.
Estudio de gravación: Casa de Tolos, Mañufe (Gondomar).
Técnico de gravación: Pablo Casal.
Técnico de mesturas e masterización: Segundo Grandío
Fotografía: Pablo Casal, Jorge Rodríguez, Moisés Quintas
Asesoramento normativización lingüística: Marica Campo

Foi gravado e mesturado no ano 2007 entre os meses de Setembro e Outubro.

www.tinobaz.com
tinobaz@tinobaz.com
tinobaz@hotmail.com
Tlf: 607 26 03 95




Ultimas novas en Ghastas Pista relacionadas con

* XXIV Revoltallo de Música e Cultura Emerxente (Vigo)
* Keltoi en Lalín
* Tanxugueiras en Mazaricos
* I Serán de San Xurxo (Salceda de Caselas)
* Festival Tradicional Donas e Galáns (Ferrol)

Busca máis información sobre este grupo en Ghastas Pista





Textos, videos, imaxes.. i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

info@ghastaspista.com




< =Os Soños que Volven
( Susana Seivane )
Tiruleque
( Tiruleque )
= >


Voltar á páxina principal