Páxina anterior

 

ORFEÓN TREIXADURA GAITEIROS



Unha Semaniña Enteira

www.treixadura.com

.....

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]

5 comentarios deste disco .....

 

 

 

 

 

 


 

 

 

 

 

    

 

 

 

 

 

UNHA SEMANIÑA ENTEIRA é o cuarto traballo discográfico do grupo, continuación dos dous anteriores (Unha noite no muíño , Unha noite non é nada).Nesta ocasión, incidimos no pouso que o canto popular foi deitando na historia da música galega reivindicando, unha vez máis, a transmisión de melodías tradicionais e do noso patrimonio cultural.

Xúntanse dúas concepcións ben arraigadas na música da nosa terra: o canto e a gaita , o ORFEÓN TREIXADURA e TREIXADURA GAITEIROS . A música tradicional salvagardada polos coros decanos galegos, as cantigas populares que arrouparon a gaita no século pasado, as melodías de gaita que máis prenden en nós, as novas cantigas que TREIXADURA “peneira no seu tremiñado” configuran o repertorio deste novo traballo.

Gravamos UNHA SEMANIÑA ENTEIRA nos estudos A casa de tolos de Gondomar e Edisco na Estrada, a finais de 2005 e principios de 2006, coa axuda dos técnicos de son Segundo Grandío, Pablo Casal e Fernando Campos .

 

 

UNHA SEMANIÑA ENTEIRA contou coa colaboración de dous grandes músicos que son, ante todo, grandes amigos nosos:

 

Se sobes unha tarde de bo tempo ao monte Santa Trega , poderás desfrutar do bo facer musical de Tino Baz , gaiteiro da Guarda.
Foi moi perto de alí, en Camposancos , onde tivemos a sorte de atopármonos en 1999 e dende aquela, TREIXADURA e Tino Baz somos amigos e colaboradores inseparables.
Tino formou parte do ORFEÓN TREIXADURA na súa primeira etapa e accedeu a gravar con nós UNHA SEMANIÑA ENTEIRA .

Non podemos contar con el nos directos, pero si acudir a algún dos seus concertos en solitario para abraiarnos e emocionarnos coa súa música tradicional de gaita, guitarra, percusión, zanfona e como non, coa súa potente voz.

 

Pablo Cés , o bombeiro bombeiro, comezou a colaborar con nós nalgúns concertos durante o ano 2005, concertos nos que, ademais de regalarnos ese seu xeito tan especial de tocar o bombo, nos sorprendeu co seu ánimo, o seu optimismo e a súa enerxía no escenario. A súa traxectoria musical comezou coa fundación de OS CEMPÉS e hoxe forma parte de MALVELA e SON DE SEU .

 

 

 

 

 

 

A necesidade de incluír no anterior disco un coro de voces masculinas no tema A chula de Pontevedra, deu orixe ao ORFEÓN TREIXADURA. Decidimos xuntar para esa ocasión unha serie de compañeiros que, coma nós, gustaban e gozaban do canto e dispoñían de boas voces. Este orfeón acompañounos en parte dos concertos de presentación de Unha noite non é nada .

Aquela iniciativa circunstancial amosounos unha chea de posibilidades musicais e de repertorio que TREIXADURA non podería asumir sen eles. O ORFEÓN TREIXADURA está formado por dez persoas que proveñen de propostas musicais variadas e que teñen en común o gusto e o respeto pola música tradicional, motivo dabondo para que hoxe representen e dignifiquen coma ninguén este novo proxecto: UNHA SEMANIÑA ENTEIRA .

Os compoñentes do ORFEÓN TREIXADURA son:

Gustavo Cuntín , baixo

É un fan de confeso TREIXADURA e gran amante das tertulias, sobre todo cando éstas deveñen en festa. Emana harmonía cando canta e cando fala e ,ás veces, mesmo cando non o fai.

Antón Guisande , baixo

Foi sempre un apaixonado da canción e da música, por iso hoxe lles dedica boa parte do seu tempo como compoñente do coro AMADEUS e como afeccionado ao acordeón.

Moncho Marín , baixo

Incansable estudoso da nosa música tradicional, fixo abondosos traballos de recollida e participou no grupo PALLAMALLADA. Ata hai ben pouco, formou parte do grupo de música medieval RESONET e hoxe colabora co Museo do Pobo Galego.

Ramón Vázquez “O Chilro” , barítono

Formou parte da primeira formación de TREIXADURA ata que decidiu dedicarse profesionalmente á construción de instrumentos tradicionais galegos. Hoxe é un dos máis prestixiosos luthiers de Galiza e gaiteiro, xunto con Xaquín Xesteira , nos FAÍSCAS DE SOLOBEIRA .

Mingos Lorenzo , barítono

Foi compoñente de A RODA , con quen compartiu o gusto daquela xeración pola cantiga popular nas xuntanzas de amigos, das que hoxe continúa a ser incondicional.

Xosé Méndez “Morgan”, barítono

O rei da Algalia de Abaixo , onde rexenta o Xa chegou , é un dos pais das estalotadas da rúa de San Pedro (que aledan as noites compostelás), membro fundador de OS ESTALOTES e compoñente de CANTIGAS E AGARIMOS .

Antón Cabaleiro , tenor

Leva toda a vida mergullado na música e na danza tradicionais. Entre outras moitas cousas, foi membro fundador do grupo A RODA , participou noutras formacións coma CASTAÑA , MAREIRA e PETAPOUCO e dirixiu o grupo de danza FROLES MARELIÑAS .

Antón Fontenla , tenor

Gaiteiro de Campolameiro , foi un dos fundadores do grupo xa desaparecido QUINTA FEIRA , unha novidosa aposta dentro da música folc galega.

Delio Domínguez “o camarón da Limia” , tenor

Tomou contacto co flamenco na emigración, en Alemaña , e dende aquela esta é a súa maior paixón. Como bo amante das tradicións, tamén o é da nosa música, unha música que o acompaña dende o berce na súa terra, a Limia e na súa aldea, Lampaza .

Alberte Raposo , tenor

Comezou a cantar na CORAL DE ARZÚA en 1979. Dende entón, non deixou de participar en toda canta foliada xurdiu e xorde entre Arzúa e Santiago , afección que hoxe compaxina coa súa participación en CANTIGAS E AGARIMOS .

 

 

 

 

TREIXADURA GAITEIROS:

 

Paulo Nogueira
Gaitas en do, re e la; pandeiro, cunchas e ferriños.

Xaquín Xesteira
Gaitas en do, re e la; pandeiro, pandeireta e tarrañolas.

Toniño López
Tamboril.

Xoán López
Bombo.

César Longa
Acordeón.

 

 

 

 

 

ARTESÁNS :

Gaitas.
Obradoiro Seivane, Alfonso R. Castro, Ramón Vázquez "O Chirlo".

Artesán de palletas.
Rubén.

Percusión.
Ramón Vázquez "O Chirlo".

Acordeón.
Zero Sette (Castelfidardo)

 

 

 

 

 

1.- Unha Semaniña Enteira    
Música: Os Campaneiros de Vilagarcía
Letra: Tradicional

Unha noite no muíño
unha noite non é nada,
unha semaniña enteira...

Rescatada dunha antiga gravación familiar dos Campaneiros, arranxamos esta orixinal composición súa como a nosa rendida homenaxe a un dos mais grandes grupos de gaiteiros da nosa música popular

 


2. Fisterra    
Música: Tradicional
Letra: Tradicional
Cantiga

Fisterra vai na proa
Camariñas vai no mar'e
Santa Uxía de Ribeira
Poboa do Caramilal'e

Eu tamén choro,
eu tamén choro,
cando non me alumean, meu ben
eses teus ollos.

Se queres que brille a lúa
pecha os ollos meu amor'e
que mentra-los tes abertos
a lú pensa que hai sol'e

Eu tamén choro...

Para sardiñas Aguiño
para bolos Castiñeiras
para rapazas bonitas
Santa Uxía de Ribeira

Eu tamén choro...

Este famoso tema, mestura varios cantos populares, soa nas voces do Orfeón Treixadura amosándonos o seu lado máis sensible, doce e inspirado. O grupo Tau de Vigo xa o interpretaba nos albores da música folk en Galiza.

 


3. Foliada De Sarela    
Música: Paulo Nogueira
Letra: Tradicional

Funme deitar a durmir'e
ao pe da i-auga que corre
a i-auga foime dicindo
quen ten amores non dorme.

Quen ten amores non dorme
que non os ten adormece
quen os ten lonxanos chora,
quen os ten preto padece.

Teño carta no correo
e non sei que me traerá,
se me traerá consolo
ou se me desconsolará.

Quen ten amores non dorme...

O que nunca estivo lonxe
non sabe o que é padecer'e
de lonxe as penas aumentan
para quen sabe querer'e

Quen ten amores non dorme...

Unha corrente de auga apaixonada, desexada, esperada no tempo e na distancia...Sarela.

 

 

4.- Muiñeira do Santo Amaro  
Música: Paulo Nogueira
Letra: Tradicional
Muiñeira

Señor cura, señor cura
a doutrina non lla sei
pidame unhas cantiguiñas
que eu llas repinicarei.

Moza bonita no mundo
non debera de nacer,
porque fai como a mazá
todos a queren comer.

Ser solteiro é boa cousa
e ser casado tamén,
deixarei pra cando morra
pensar no que me convén.

Por dicir ¡Viva San Roque!
prenderon o meu irmán,
agora que o soltaron
¡Viva San Roque e o Can!

No ano 1999, Treixadura coñeceu a Tino Baz na romaría de Santo Amaro (Camposancos - A Guarda). Sirva esta melodía para selar unha amizade chea de momentos inesquecibles que perdura no tempo.

 

 

5.- Se Chove     
Música: Paulo Nogueira - Magoia Bodega
Letra: Tradicional
Pasodobre

Eí vén o vento do mar'e
eí vén o vento mareiro
eí vén o meu queridiño
vestido de mariñeiro.

Se chove, deixa chover'e,
se orballa deixa orballar'e
por máis que chova e vente
de ti non me hei de apartar'e

Pasei pola ponte abaixo
vin saltar unha sardiña
mariñeiros ide ao mar'e
e botádelle a traíña

.Se chove, deixa chover'e...

Indo polo mar abaixo
perdín a miña navalla,
rema mariñeiro rema
que alá no mar me quedaba.

Se chove, deixa chover'e...

O que navega de noite
ha tropezar nos penedos,
eu que ando polo día
tropezo nos teus enredos

...deixa chover'e, se orballa
deixa orballar'e, por mais que
chova e que vente,
de ti non me hei de apartar'e

 

 

6. Polca dos Encantiños    
Música: Os Encantiños do Umia
Polca.

Os Encantiños do Umia é un veterano grupo de gaiteiros de Godos (Caldas de Reis) aos que felicitamos polo seu 60 aniversario como grupo en activo. Do seu fecundo repertorio, arranxamos esta polca que aparece precedida, co permiso dos mestres, dunhas atrevidas variacións da melodía no acordeón.

 

 

7. Estreliña do Luceiro / Miñas Cunchas    
Música: Tradicional - M. Trillo Escudero
Letra: Tradicional - M. Iglesias
Alalá - Muiñeira

Estreliña do luceiro
quen ten amores non durme,
quen ten amores non durme
senón o soño primeiro.

Se chove deixa chover'e
se orballa deixa orballar'e,
que eu ben sei dun abriguiño
onde me hei de ir abrigar'e

alumea, alumea
estreliña da negrura
alumea, alumea
mentras non se pon a lúa.

Miñas cunchas, miñas cunchas
de cor anacarado,
soade ben pra que chegue
o meu amor de contado.

Ai la lelo, ai la lelo,
Ai la lelo, ai la lala.

Eu soio quero que tí me deixes
cunchas pra repinicar
e que nos días de festa
saian todos a bailar.

Teño unha dorna fermosa
pequeniña e tanlixeira,
que dá xenio cando vén
ateigada de vieira.

Ai la lelo, ai la lelo
Ai la lelo, ai la lala

Eu soio quero que ti me deixes...

Mariñeiro que na dorna
vas o marisco a buscar,
pídelle a Virxen te salve
dalgún peligro do mar.

Ai la lelo, ai la lelo,
Ai la lelo, ai la lala.

Eu soio quero que ti me deixes...

 

Tino Baz e Mingos Lorenzo recrean un fermoso alalá que serve de preludio para unha cantiga que formou parte do repertorio dun dos coros decanos da música galega, Cantigas e Agarimos.

 

 

8. Chula da Guía    
Música: Tradicional
Letra: Tradicional
Alborada

Nosa señora da Guía
guía os homes do mar'e.
Veña ver a barca a vela
que se vai deitar no mar'e.
Nosa señora vai dentro
e os anxiños a remar'e.

Nosa señora da Guía
a guía dos mariñeiros,
guíame a miña cuadrilla
toda de mozos solteiros.

Teño máis de mil amigos
aquí non me sinto só,
cantarei ao desafío
ninguén teña de min dor.

Na i-alma se me cravou
a espiña do teu querer,
anque afellas me deixaron
soio para padecer,
neste mundo si hei vivir'e
outro amor non hei de ter.

Quen non viu cantar un vello
non sabe o que é cantar'e.

Nosa señora da Guía e Chula da Póvoa son os nomes cos que se coñece esta melodía en Galiza e Portugal. Máis alá das liñas trazadas nos mapas, esta melodía lémbranos a inmensa cultura popular que compartimos co país veciñol. A segunda melodía, Mariñas de Betanzos, aparece recollida en Cantos e Bailes de Galiza de Jose Inzenga.

 

 

9. Cantiga da Vendima    
Música: Tradicional
Letra: Tradicional
Pandeirada

Vendimai vendimadores
da vendima do meu pai'e
o viño vai na cabaza
e o pan na cestiña vai'e.

Ai la, ailalalá lalá la,
Ai la, ailalalá lalá,
Ai la, ailalalá lalá,
Ai lalalá, ai lalá la la.

Anduvécheste alabando
que me morría por tí,
que me morro non é certo
pero que te quero sí.

Ai la, ailalalá lalá la...

Cortade uvas rapaciños
pra acabar pronto a tarea
que despois temos ruada
e queremos ir a ela.

Ai la, ailalalá lalá la...

 

O estremeño Manuel García Matos publicou en 1960 unha recollida de campo na que figura este tema. Pertence a unha serie de melodías que coa súa interpretación facían máis levadeiros os traballos agrícolas.

 

 

10. A Herba da Illa de San Simón    
Música: Tradicional - Paulo Nogueira
Letra: Tradicional - Paulo Nogueira
Foliada

Fun tocar a San Simón,
fun tocar nunha lanchiña,
non me deixaron pisar'e
a herba daquela illa.

Mariñeiro de auga doce
e tamén d'auga salgada,
lévame a San Simón
e de San Simón á Habana.

Unha noite me levaron
a San Simón cunha nena
meu corazón veu chorando
por ser a noite pequena.

Agora que vén o vran
tamén vén a primavera,
tamén vén a regalía
pr'os gadañeiros da herba.


Ai lalara lalá, ai laralá lalá,
Ai lara lara lalá
Ai lalara, lalara, la lá...

O cura de San Simón
non ten camisa lavada,
o señor cura de Arcade
vintecinco na colada

.Agora que ven o vran...

A Illa de San Simón (Redondela - Pontevedra) conserva aínda a maxia e a beleza que inspiraron aos trobadores medievais galegos e que os desastres da guerra non lle puideron roubar. Unha alborada pola illa bastou para que nacese parte desta melodía que nos lembrará por sempre aquela tarde.

 

 

11. Ansuíña / Miñas Cousas    
Música: Paulo Nogueira - Tradicional
(arr: Ramón González Enríquez)
Letra: Tradicional
Muiñeira - Pasodobre

Teño unha galiña branca
que me veu de Redondela,
da miña comadre o galo
non me veña dar con ela.

Ai la la, ai la la,
ai la la, lará lalá lalá lalá.

Teño de ver o meu liño
que me dá pola cintura,
non sei si é liño, si é herba
bagalla non ten ningunha.

Ai la la, ai la la...

Unha pera dúas peras
non tiña máis a pereira,
unha será para o xastre
outra para a costureira.

Ai la la, ai la la...

Ansuíña, illote de Vilanova de Arousa (Pontevedra), é o nome dun grupo de gaiteiros desta vila en que, dende hai anos, milita con entusiasmo o compositor da muiñeira. Miñas Cousas é a nosa versión deste tema popularizado polo Coro Cantigas da Terra e que chegou a nós a través de Ricardo Santos.

¿¿??  

 















As augas baixan dos montes formando regatos, fervenzas, ríos. Levan con elas o saber, o misterio, o ritmo da natureza. Van recompilando as melodías que se agochan nos cumes, nas fragas, nas leiras. e cando esvaran polas canles dos muíños deitan estes cancioneiros no rodicio que dende o seu inferno, espállaos ao tremiñado onde danzan coas percusións de moas, moegas e tarabelos.

Cantas horas!, cantas noites!, cantas semaniñas de muiñada!.

Botade unha, rapaciños, para acabar pronto a tarefa!.

As augas continúan o seu decurso cara outras augas, cara outros ríos.

Van empreñar os mares con estes cantos sinxelos, puros, xa de ninguén porque xa son universais. E coma a propia auga, tamén os cantos hanse evaporar, condensar, tornarse nubes, valtar aos cumes por séculos, e séculos, e séculos...

 

 

 

Se algo pretende este disco, ademais de contribuír á divulgación e normalización da música tradicional galega, é compartir o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

Invitámosvos a cantar con nós e co ORFEÓN TREIXADURA e que sexades partícipes desta nosa xuntanza musical que agora tamén é vosa.

IDEA ORIXINAL E ARRANXOS
Treixadura Gaiteiros

FOTOGRAFÍA
Juan Ramón López León

DESEÑO GRÁFICO
Quin Alborés

CORRECCIÓN DE TEXTOS
Xosé María Moreno

PRODUCCIÓN
Dirixida e Realizada por
Treixadura Gaiteiros

Editado por
www.pai-musica.com

www.casadetolos.com

 



Treixadura

Obrigado
Unha noite no muiño
Unha noite non é nada
Unha Semaniña Enteira



Ultimas novas en Ghastas Pista relacionadas con Treixadura

* Treixadura en Lourenzá
* Treixadura en Astorga
* XV Noite Folk - Negreira
* Treixadura en Riveira
* Treixadura en Marín

Busca máis información sobre este grupo en Ghastas Pista





Textos, videos, imaxes.. i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

info@ghastaspista.com




< =Unha noite non é nada
( Treixadura )
Ulträqäns
( Ulträqäns )
= >


Voltar á páxina principal