Páxina anterior

FÍA NA ROCA:
VENTE VINDO

.....

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]

5 comentarios deste disco.....
www.fianaroca.com

 

 

 

 

 

 

 

 

IMOS INDO

Ata hai un ano non coñecía a Fía na roca máis que calquera xornalista deste país que informa sobre cultura. O destino quixo que Vente vindo se forxara e se gravara na miña casa e que eu tivera o privilexio de converterme na "primeira oínte piloto" do disco, como nunha ocasión me calificou Roberto Santamarina. Entendo que esa condición de testemuña que asiste, muda pero constante, á creación da obra é o que levou a Fía na roca a convidarme a escribir unhas verbas para o libreto. O cariño que despois de todos estes meses me une ao grupo é o responsable de que acometa esta tarefa alguén que vive a música só como un conxunto de emocións e provocacións e que sabe moi pouco de análises e de teorías de metrónomo.
Nun tempo no que calquera pode gravar co ordenador no cuarto e no que o son das máquinas asolaga moitas das producións musicais que escoitamos, foi un privilexio asistir á creación dun traballo no que todo é verdade: a música e os músicos, ese binomio que Fía foi facendo medrar axugado ata acabar o froito novo de Vente vindo. En tardes enteiras de oínte do outro lado da ventá, nas escoitas das gravacións dos ensaios, nas sobremesas compartidas onde se facía conto e reconto de melodías e harmonías, Vente vindo foime levando, semana a semana, por un cumprido universo de paisaxes sonoras, familiares e incógnitas, mestizas, evocadoras, arraianas, tan vellas e tan festeiras como a gaita do meu bisavó e tan contemporáneas como a aceptación do tempo que vivimos, este que tantas veces comezou co arrolo dunha muller que cantaba para que medráramos.
Canta máis que nunca e conta moito Fía na roca neste último traballo, e faino a modiño, vagaroso, bailando e cantaruxando o xerundio do seu nome Vente vindo.
Quen se vai resistir a tal convite?
Imos indo.

Nazaret López

 

 

 

Giao Rodrígues:
Guitarra acústica e Mandolina

 

 

 

 

Xosé Ramón Vázquez:
Acordeón, piano, teclado, coros

 

 

 

 

Roberto Santamarina:
Violino, coros

 

 

 

 

Sonia Lebedynski:
Voz, pandeireta, cunchas

 

 

 

 

 

Roberto Rama:
Gaita galega, low whistle, saxo soprano

 

 

 

 

Xabier Olite:
Baixo acústico e eléctrico, cunchas, coros

 

 

 

 


Carlos Castro:
Batería, percusión

 

 

 

 




1.Outes 
Letra e música: trad. galega -
X.R. Vázquez
Arranxo: X.R. Vázquez

Arranxo da Pandeiretda de Outes, peza tradicional recollida por Fuxan os Ventos á que se lle achegaron as partes instrumentais e letras compostas por Xosé Ramón Vázquez

Eu caseime no Araño
co fillo dun arañón
el moi bonito non é
rico sí, honrado non
Ai le lelo, ai le le
Ai le lelo, ai la la la
Prometeume canto tiña
boa vida sen traballo
para o prezo que paguei
ao final saiume caro
Ai le lelo, ai le le
Ai le lelo, ai la la la
O día do casamento
el non reparou en gastos
convidou a medio pobo
e até alugamos un pazo
Ai le lelo, ai le le
Ai le lelo, ai la la la

Eu ía como unha reina
con aquel vestido branco
pero dalí ao pouco tempo
xa me andaba defraudando
Ai le lelo, ai le le
Ai le lelo, ai la la la
Agora vella e chea de fillos
son da alta sociedade
e non son quen de facer
mais que aquelo que me manden
Ai le lelo, ai le le
Ai le lelo, ai la la la
Rapaciñas de hoxe en día
se queredes liberdade
vede ben o que facedes
procurade traballar
Ai le lelo, ai le le
Ai le lelo, ai la la la

2. Imende     
Música: trad.galega
Letra: S. Lebedynski
Arranxo: C. Castro - G. Rodrígues

Nunha tarde de troula Xulián Mogín recolleu estas fermosas melodías cantadas pola señora Visitación e chamadas Muiñeira de Imende e Jota do Che, que despois xuntaron na súa versión do grupo tradicional Os Carunchos.
No recordo de tantos galegos que deixaron atrás a súa casa na procura dunha vida mellor, dos nosos avós e bisavós, e na lembranza de que somos nós agora os que temos que acoller a outros.
Non hai anos que borren o pensamento para todos aqueles que camiñan con paso lento cara á emigración, nen tampouco para os que sofren a súa ausencia

Camiñando paso lento
hei de chegar
vivo no cabo do mundo
onde está o mar

Muller que falas dos días
que serven para chorar
tempos escuros que habitan
na memoria dos cantares

No recordo da memoria
a miña alma
nos agoiros da distancia
o mar agarda

Quixera bailar a danza
das sereas
quixera olvidar as augas
que envelenan

Os cantaqres que recordan
a historia d(e) outra hora
verbas que tinxen o tempo
de momentos que namoran

As mareas vivas que
me traen recordos
fondos de nostalxia
que gardan os pobos

Non hai lume vivo
que apague o vento
non hai anos que
borre o pensamento

As mágoas que me envolveron
no tempo perdidas van
non atopo a miña voz
onde a podo ir buscar

No recordo da memoria
a miña alma
nos agoiros da distancia
o mar me agarda.

Camiñando a paso lento
hei de chegar
vivo no cabo do mundo
onde está o mar


3. Diferenzias    
Música: Fray Antonio Martín y Coll
Arranxos: X.R. Vázquez
Este tema é un arranxo da peza Diferenzias sobre la gayta (variaciones sobre la gaita, diríase hoxe), do organista franciscano de Alcalá de Henares Fray Antonio Martin y Coll. Está datada en 1708 e recollida nun manuscrito que se atopa na Biblioteca Nacional en Madrid, e que nos achegou Cris Gándara logo de dar con el no decurso das súas investigacións musicolóxicas.
A nosa intervención nesta peza limitouse a repetir algunhas das partes, respeitando integramente a melodía orixinal, ademais de engadirlle ritmo, harmonía e algunhas voces.
Pensamos que, dadas as características melódicas da obra, ben puidera Martin y Coll ter ouvido tocar a algúns gaiteiros galegos da época, dos que posiblemente tomou prestadas melodías para esta composición. Atoparíamos logo ante unha melodía das chamadas de ida e volta, con 300 anos de viaxe polo medio.



4.-Cantan os galos   
Música: trad. galega
Letra: S. Lebedynski
Arranxo: Fía na roca
Esta peza aprendímola do grupo Chouteira. A partir da copla popular do tema, Sonia Lebedynski elaborou unha letra que fala do amor. Este cantar de alborada é moi empregado na lírica popular galega, contando a despedida dos amantes ao mencer.

Cantan os galos ao día
érguete meu ben e vaite
como me hei d(e) ir queridiña
como me hei d(e) ir e deixarte

Como me hei d(e) ir e deixarte
que adoecen os sentidos
se o meu amor se che esquece
buscarei no teu olvido

O corazón que nos prende
e nos fai ficar ausentes
non deixa que o río volte
onde nacen as correntes.

Onde nacen as correntes
máis parece a soidade
non hai terra desde o mar
que eu non a poida bicar

Onde xuntan ceo e terra
está o mar que bica a area
o meu amor non o levan
ai! As augas da marea

Ai! As augas da marea
as que chegan ao coido
se o meu amor se che esquece
buscarei no teu olvido

Cantan os galos ao día
érguete meu ben e vaite


5.- Casa ou Sombra     
Música: trad. galega
Letra: Rafa Villar Adapt: G. Rodrigues
Arranxo: G. Rodrigues-X.R.Vazquez-Fía na roca

A melodía desta peza provén do lugar de Imende, en Baldaio (Carballo), e foi recollida por Xulián Mogín, membro de Os Carunchos e de Alén do Mar.
Sobre ela, Giao Rodrigues fixo unha adaptación do libro de poemas Casa ou sombra, de Rafa Villar, no que conta en primeira persoa a sensación de ver as casas das nosas aldeas que un día estiveron cheas de vida e hoxe son só sombras.

Os meus restos son a casa
sombra dos días que andei
orientada no inverno
fende o mar ao que falei.
Ningunha rosa do xardín
recoñece o meu silencio
e a chuvia nos cristais
só era chuvia de Setembro.
É a rutina de minutos
minutos que imitan horas
tanta distancia como mar
desde a casa á túa boca.
O tempo esculpe silencios
nas portas non hai olladas
en que mar hai saudade?
e ás miñas costas, a casa
As chaves gardan a casa
soterradas na memoria
dedos que baten na porta
como ruinas que me rozan
Da casa, un día nada
nen poemas, nen estrofas
nen ese bico tan longo
que ocupaba a boca toda

Casa ou sombra!
Casa ou sombra!

6. Marchiña     
Música: trad. galega - X.R. Vázquez
Arranxo: X.R. Vázquez

Esta peza é un arranxo libre da marcha procesional que figura no cancioneiro de Casto Sampedro co nº 415. Orixinariamente era tocada polos gaiteiros de Ponteareas. Aparece no apartado de Tocatas varias e é unha das pezas máis singulares desta obra.


7. Baile de Diaños     
Música: S. Lebedynski - G. Rodrigues
Letra: S. Lebedynski
Arranxo: G. Rodrigues

Este verán pasado vivíronse momentos de angustia. O lume queimou os montes e moitos dos nosos corazóns. Galiza chora de pena porque sobre ela bailan os diaños. Xa é tempo de pensar e de imaxinar un país mellor.

Xa é o tempo de pensar
tempo de imaxinar
a esperanza esvaece
polo lume ou polo mar.
Nas pupilas abraiadas
ai! De quen nos doe a alma
ficará a hora escura
desta terra arrasada
O sangue da terra
que asulaga o corazón
o verde que torna ao ceo
o monte xa se mudou.
Este longo sofremento
compañeiro da memoria
non esqueza os tesouros
desta terra que namora.

 

Baile de diaños
sobre a nosa terra
sobre a nosa vida
é o antano.
Arrecende a morte
que o inferno debuxou
sexa home ou diaño
non atende á razón
Neste pobo dividido
pola alma e a traizón
xa é tempo de pensar
tempo de imaxinar.
Baile de diaños
sobre a nosa terra
sobre a nosa vida
é o antano.

8.Noite Negra  
Música: S. Lebedynski - G.Rodrigues - C. Castro
Letra: Rosalía de Castro
Arranxo: Fía na roca

Cando a música esta viva os grupos están vivos. Este é o resultado dunha simbiose musical entre todos nós, con letra de Rosalía e estribillos nosos.

Unha noite, noite negra,
como os pesares que eu teño,
noite filla das sombrisas
alas que estenden os medos;
hora en que cantan os galos,        hora en que xemen os ventos;
en que as meigas bailan, bailan,       xuntas co demo pirmeiro,
arrincando verdes robres,        portas e tellas fendendo,
todas de branco vestidas,        tendido los brancos pelos,
contra quen os can oubean       agoirando triste enterro;
cando relumbrar se miran       antre os toxales espesos,
ollos de lobo famento,        e os ramallaxes dos montes
antre sí murmuxsan quedos,        e as follas secas que espallan
os aires da noite inquietos,        en remuiños se xuntan
con longo estremecemento;        indo camiño da igrexa,
Rosalía falas hoxe       como nos falabas onte
soia cos teus pensamentos         que nos deixan sen alento
Soia cos meus pensamentos,       cabo da fonte da Virxe,
pretiño do cimeterio,        dempois de sentir un sopro
que me deixou sen alento,        eu ben vin estar o moucho.
Rosalía falas hoxe        como nos falabas onte
soia cos teus pensamentos        que nos deixan sen alento


9. O Golpe do Eume     
Música: G. Rodrigues
Arranxo: G. Rodrigues - R. Santamarina

Giao Rodrigues compuxo esta melodía inspirada nos golpes tradicionais galegos, típicos do Carballiño e concellos limítrofes segundo se indica nos cancioneiros galegos ao uso. Os golpes caracterízanse pola súa particular acentuación melódica, a golpes.


10. Son de Meira     
Música: trad. galega - Ugía Pedreira
Letra: trad. galega - X.R. Vázquez
Arranxo: X.R. Vázquez

Ugia Pedreira escoitou cantar algo parecido nas terras de Ribadeo ao señor Carlois e posteriormente compuxo, baseada neste canto, esta melodía na que amosa a súa sensibilidade pola música tradicional galega. Facer unha versión deste tema foi unha das nosas inquedanzas desde hai anos.Este arranxo de Xosé Ramón Vázquez transpórtanos a un mundo musical moi particular do que formamos parte.

Son de Meira, son de Meira
teño amores en San Cosme
e quen ten amores lonxe
non sei como o sono dorme
Vou andando este camiño
e non sei onde me leva
e síntote na distancia
e paso as noites en vela
E síntote na distancia
e paso noites en vela..


11. Cantaba Ben    
Música: trad. galega
Letra: trad. galega - S. Lebedynski - G. Rodrigues
Arranxo: G. Rodrigues - Fía na roca

A asociación cultural O Fiadeiro recolleu este pasodobre nas terras de Vilar de Cebreira, no concello de Arbo. Quen de novo cantou ben sempre lle vai dando modo... Unha homenaxe para os nosos maiores que nos trasmitiron o seu saber, que dá pé a boa parte da nosa música.

De nova cantaba ben
e agora vella non podo
quen de novo cantou ben
sempre lle vai dando modo
Tanta vida na memoria
tanta vida na palabra
que a alegría de quen sabe
sempre ha de ser cantada
Das ausencias que me matan
son as ansias do que foi
mais a música e o baile
fan mover o corazón

Vaise o tempo, vanse as horas
vaise a miña mocidade
e agora que xa vou vella
gosto moito de bailar.
Se cantares ti que cantas
se bailares ti que bailas
un día, unha noite e outra
de saber, saber para todas
Se canto din que estou tola
se choro desesperada
eu canto e bailo soa
non me fas falta para nada

12. Soedades     
Música: trad. galega - C. Castro
Arranxo: C. Castro - G. Rodrigues

Soedades representa unha mostra da riqueza musical que aínda temos en Galiza. As melodías principais forman parte do cancioneiro de casto Sampedro, con algún engadido de Carlos Castro. Po, o gaiteiro da Guarda, é o autor dunha delas; a outra pertence á muiñeira do Ulla, e di:

Soedades levo, levo
da aldea de Gondar
soedades levo, levo
tamén as deixo quedar

13. Monzo  
Música: trad. galega - X. R. Vázquez
Letra: trad. galega - S. Lebedynski
Arranxo: X.R. Vázquez - G. Rodrigues - Fía na roca

Esta é a rumba de Monzo do concello de Trazo (A Coruña). A melodía cantada é tradicional recollida por O Fiadeiro. As coplas falan dos aires de esmorga proprios dos pobos e aldeas de Galiza. O canto sempre foi e será a expresión musical máis natural dun pobo, a convivencia entre persoas e a antítese da tristura.

Este cantariño novo
quen o soubera cantar
as nenas da miña terra
sábeno repinicar
Rapaciñas do meu tempo
axudaime a botar
unha boa cantiguiña
pra a xente deste lugar.

Morre o día e chega a noite
tamén morren os pesares
se a esmorga non remata
ficarei neste lugar
E vou dar a despedida
a despedida vou dando
ai! que despedida alegre
que me despido cantando

14. Vente Vindo     
Música e letra: trad. galega - X. R. Vázquez
Arranxos: X.R. Vázquez

Esta peza é orixinaria do lugar de Ferreiras en Noceda (As Nogais - Lugo). Foi cantada pola señora María de Freixo en xuño de 1979 recollida por Dorothé Schubarth. Aparece no seu Cancioneiro Popular Galego, vol. 1, 48b, e na gravación incluída neste traballo. A súa primeira estrofa serviunos ademais para dar nome a este disco


AVente vindo, vente vindo
vente vindo, vente ando
por non perderes o tempo
colle a roca e ven fiando
As estrelas miudiñas
son as que dan claridade
alumean o camiño
entre tanta escuridade.

Este disco foi gravado tocando todos a un tempo, como se fose un concerto
en abril de 2007
no estudio soNNatural
Angueira de Castro
(Rois, A Coruña)

 

Mesturado no Estudio 5 da Radio Galega por
Pablo Barreiro e
Xosé Ramón Vázquez


Masterizado por
Pablo Barreiro

 

 

Contratación
www.abada.es
info@abada.es

 

 

 

 


Fía Na Roca

Fía na roca
Agardando que pase algo
Contravento
Dez anos ao vivo
Vente Vindo



Ultimas novas en Ghastas Pista relacionadas con Fía Na Roca

* Vai Trio no Jamarte (Pontecaldelas)
* Culturgal (2,3 e 4 de nadal en Pontevedra)
* O folk de hoxe, clásicos e modernos en plena forma
* Fía Na Roca: ¿Ata logo?
* IX Premios Opinión de Música Folk

Busca máis información sobre este grupo en Ghastas Pista





Textos, videos, imaxes.. i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

`Vente vindo´ e a forza da tradición
O grupo Fía na roca presenta o seu novo traballo discográfico, onde a voz e a mestura da música popular galega con ritmos como o jazz teñen máis importancia.
GEMMA MALVIDO

Foto
Xosé Ramón Vázquez, Sonia Lebedynsky e Giao Rodriguez na presentación de `Vente vindo´. / casteleiro
Gemma Malvido.A Coruña

Vente vindo é o novo traballo de Fía na roca, unha banda que comezou a principios dos anos noventa cando, segundo o crítico musical Óscar Losada -encargado da presentación do disco onte, na Fundación Alexandre

Bóveda-, "a música folk precisaba algo así".

E así era o son de Fía, instrumental, nun primeiro momento, con base na musica tradicional, pero aberto ás influenzas doutras culturas e ritmos.

"O grupo sempre apostou por facer unha mestura de estilos pero conservando o pouso da tradición, algo que nunca quixeron perder", definiu Losada.

Logo de catro discos no mercado, de marchas e incorporacións na formación inicial; logo de máis de dez anos nos escenarios, Fía na roca volta con Vente vindo, cunha "chiscada de ollo", como describiu a vocalista da formación, Sonia Lebedynski, a todas aquelas persoas que coñecen o son creado polo grupo, para que se unan a esta nova etapa, e a todos os que son alleos a esta aventura para que deixen de selo e se mesturen co folk contemporáneo.

Nesta nova incursión no mercado, Fía na roca dálle máis importancia á voz de Sonia, xa que dos catorce temas do disco, dez son cantados. "Agora toca facer algo así", dixo Xosé Ramón Vázquez, un dos fundadores do grupo, que non desbota a posibilidade de que o son creado por Fía na roca siga evoluíndo.

Este Vente vindo "é máis plural", afirmou a vocalista da banda, porque os catorce temas están gravados "sen mentiras tecnolóxicas". Todos no estudo, tocando a un tempo, "para reflictir, no disco, toda a forza das cancións", explicou Lebedynski.

As letras xorden de adaptacións das antigas melodías recollidas hai anos nas aldeas onde os seráns e as pandeiradas seguen vivas. Imende, Monzo e Outes reinventan os seus costumes e as cantigas toman novas formas e medidas, son composicións actuais sobre as bases de sempre.

Vente vindo, unha invitación ao baile e unha pasarela cara ao festival de Lorient.



folque.com/cmn-wp/?p=858 :
(folque.com v3.0 » “VENTE VINDO” NOVO DISCO DE FÍA NA ROCA) :
4 de Xullo 2007 - Enviado por xan pampin

 

Fía na Roca ten á venda o quinto disco, “Vente vindo”, catorce temas cantados na súa maior parte, e gravada seguindo un proceso novo, participativo e moi vivo.

Levaban tres anos sen gravar, porque como explicou na presentación do cedé Xosé Ramón Vázquez, «somos un grupo libre e independente, que traballamos sen presión comercial nin discográfica. Non temos présa, e menos no panorama actual, no que os grupos escóllense en probas de selección». Tamén deixou clara unha cousa que parece que asenta no sector musical galego: «Temos que esquecer traballar só en Galicia, debemos proxectarnos fóra e máis aló do Estado».

Con ese espírito emprenden unha etapa nova, coa voz de Sonia Lebedynski por primeira vez na maioría das pezas. Iso non significa que renuncien aos principios e as orixes do grupo, que pasan por facer música actual partindo da tradicional e arriscando artisticamente con cada novo paso na súa traxectoria.

“Vente vindo” gravárono en catro días en Angueira, froito dun traballo colectivo, de colaboracións duns e doutros, con arranxos e composicións novas, con Pablo Barreiro de técnico de son e responsable da gravación, nun concerto sen público nin luces, pero con todo o que fai falta para sacar un produto co que están satisfeitos e con gañas de ir de xira todo o verán.



info@ghastaspista.com




< =Contravento
( Fía Na Roca )
Bricania
( Fiandola )
= >


Voltar á páxina principal